A Real Filharmonía de Galicia percorre as conexións musicais entre Brasil e Francia nun programa dirixido por César Ramos

O novo director asistente da orquestra dirixe un concerto con obras de Villa-Lobos, Ravel, Milhaud, Duparc e Bizet, nunha viaxe musical entre a tradición, a memoria e a vitalidade da música popular

A RFG actuará o mércores 7 de outubro no Teatro Afundación de Vigo e o xoves 8 no Auditorio de Galicia de Santiago, ambos os concertos ás 20:00 horas

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) presenta esta semana “Nostalxia”, un programa que explora as conexións musicais entre Brasil e Francia a través de cinco obras de compositores que atoparon na tradición, na música popular e na evocación do pasado unha fonte inesgotable de inspiración. O concerto estará dirixido por César Ramos, novo director asistente da orquestra, e contará coa participación do estudantado da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM).

A proposta reúne composicións de Heitor Villa-Lobos, Maurice Ravel, Darius Milhaud, Henri Duparc e Georges Bizet nun percorrido que combina a riqueza rítmica da música brasileira coa elegancia e o lirismo da tradición francesa. Un diálogo entre culturas e épocas que revela como a música é capaz de transformar lembranzas, influencias e identidades en novas paisaxes sonoras.

O concerto ábrese coa Bachiana brasileira núm. 9, de Heitor Villa-Lobos, unha das sínteses máis orixinais da música do século XX, na que o compositor brasileiro fusiona o espírito popular do seu país co contrapunto e as formas musicais de Johann Sebastian Bach.

A continuación, Le Tombeau de Couperin, de Maurice Ravel, recupera a elegancia da tradición barroca francesa nunha homenaxe ao compositor François Couperin, escrita baixo a pegada da Gran Guerra. A obra combina a evocación do pasado cunha linguaxe musical propia, delicada e chea de matices.

A música popular brasileira toma protagonismo en Le boeuf sur le toit, de Darius Milhaud, unha composición nacida da fascinación do autor pola música que descubriu durante a súa estadía en Río de Janeiro. A través dun exuberante rondó que reúne diferentes formas e ritmos brasileiros, Milhaud constrúe unha peza chea de vitalidade, humor e cor.

O programa continúa con Aux Étoiles (Poème nocturne), de Henri Duparc, unha delicada composición de carácter evocador que chegou ata os nosos días malia a destrución á que o propio compositor condenou boa parte da súa obra.

Pecha o concerto a Sinfonía en Do, de Georges Bizet, escrita cando o compositor tiña apenas dezasete anos. A partitura sorprende pola súa madurez e riqueza melódica, especialmente no Andante, onde destaca o lirismo da intervención do óboe.

César Ramos, novo director asistente da RFG
O mestre cubano César Ramos incorpórase esta tempada como director asistente da Real Filharmonía de Galicia, tras ser seleccionado nun proceso internacional ao que se presentaron 81 candidaturas e que contou con oito finalistas. A súa incorporación dá continuidade ao compromiso da orquestra coa formación e o desenvolvemento de novos talentos da dirección orquestral.

Ramos foi distinguido co premio Rudis Martinus van Dijk e co Bodensee Philharmonie Orchestra Award en 2025, ademais de alcanzar as semifinais do Concurso Internacional de Dirección Antal Dorati. A súa participación neste programa enmárcase tamén na colaboración entre a RFG e a Escola de Altos Estudos Musicais, coa presenza do seu estudantado.

Dúas citas en Vigo e Santiago
A Real Filharmonía de Galicia interpretará “Nostalxia” o mércores 7 de outubro, ás 20:00 horas, no Teatro Afundación de Vigo, e o xoves 8 de outubro, tamén ás 20:00 horas, no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.

Antes do concerto de Santiago, ás 19:15 horas, terá lugar unha nova sesión de “Conversando con…”, na Sala Mozart, na que o público poderá achegarse á figura de César Ramos e coñecer máis de preto as claves do programa.

As entradas para o concerto de Vigo están dispoñibles a través de Ataquilla, mentres que as de Santiago de Compostela poden adquirirse en Compostela Cultura.