A Real Filharmonía de Galicia

A Real Filharmonía de Galicia nace como un ambicioso proxecto cultural en Santiago de Compostela en 1996. Formada por 50 músicos, e un equipo administrativo de seis persoas, ten a súa sede permanente no Auditorio de Galicia. Baldur Brönnimann é, desde xaneiro de 2023, o director titular e artístico da formación e Sebastian Zinca o seu director asistente.

Con anterioridade, os seus directores principais foron Helmuth Rilling (1996–2001), Antoni Ros Marbà (2001–2013) e Paul Daniel (2013–2023).

Xestionada polo Consorcio de Santiago, a RFG está financiada pola Administración Xeral do Estado, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.

Na actualidade, a Real Filharmonía de Galicia consolídase como unha das iniciativas musicais galegas máis importantes e recoñecidas, e a formación das novas xeracións de músicos constitúe un dos seus piares fundamentais, xunto coa implicación social e a atención á creación contemporánea.  Así, a través da Escola de Altos Estudos Musicais, traballa nun proxecto conxunto para a futura inserción profesional de novos músicos de orquestra.