A Real Filharmonía de Galicia abrirá o próximo venres, 16 de outubro, o ciclo (EN)FOCO Xacobeo cunha velada dedicada ao tango y a unha das súas figuras máis revolucionarias: Astor Piazzolla.
Baixo o título “Unha noite de tango”, o concerto, que terá lugar ás 20:00 horas no Auditorio de Galicia, propón unha experiencia diferente na que a música da orquestra dialogará co acordeón e coa danza, coa participación dos bailaríns Óscar Cobos e Antía Barcia.
Ao fronte da RFG estará o director italiano Matteo Dal Maso, actual asistente da London Symphony Orchestra e gañador en 2025 do prestixioso concurso Donatella Flick de dirección orquestral. Será a primeira vez que se poña á fronte da Real Filharmonía de Galicia para dirixir un concerto completo, aínda que o seu contacto coa orquestra se remonta a hai dous anos, cando participou no taller de dirección orquestral da RFG. A súa traxectoria inclúe xa colaboracións con formacións como a BBC Philharmonic, a Royal Liverpool Philharmonic Orchestra e a Hallé.
O programa percorre diferentes facetas da creación de Piazzolla a través de seis obras: Libertango, o Concerto para bandoneón Aconcagua, Milonga del ángel, Tres minutos con la realidad, Adiós Nonino e Oblivion. Unha selección que amosa a forza rítmica, a intensidade expresiva e a capacidade do compositor arxentino para transformar a tradición do tango nunha linguaxe musical propia.
Fillo de inmigrantes italianos e criado entre Arxentina e Nova York, Piazzolla incorporou á tradición do tango influencias do jazz e da música clásica europea e acabou transformándoo nunha linguaxe propia, afastada dos cánones máis tradicionais. Libertango, co seu propio título como declaración de intencións, converteuse nunha das obras máis coñecidas do compositor e nunha porta de entrada á súa música para varias xeracións de público.
Un dos grandes atractivos da noite será a presenza de Sofía Ros, unha das intérpretes máis prometedoras do acordeón clásico internacional, xunto cos bailaríns composteláns Antía Andrea Barcia Feás e Óscar Enrique Cobos Martínez, especializados en tango arxentino. A música canaria, que comezou a tocar o instrumento aos cinco anos, foi nomeada en 2025 BBC Radio Scotland Young Classical Musician of the Year e debutou como solista coa BBC Scottish Symphony Orchestra interpretando precisamente o Concerto Aconcagua de Piazzolla. A súa carreira levouna xa a escenarios como o Carnegie Hall de Nova York, o Musikverein de Viena ou a Purcell Room de Londres.
Pola súa banda, Antía Barcia é diplomada en Tango-Danza e Óscar Cobos conta tamén con esta titulación, ademais de ser licenciado en Folclore, coa mención en Tango, pola Universidade Nacional das Artes de Bos Aires. A súa traxectoria inclúe a participación no Mundial de Tango, na categoría Escenario, e no Campionato Metropolitano da Cidade de Bos Aires en 2017 e 2018. En 2021 acadaron o terceiro premio na categoría de Folclore do concurso Vigo Porté e, en 2023 e 2024, foron semifinalistas no Campionato Mundial de Tango, na categoría Pista, na súa edición de Londres. Ademais, participaron en diversos programas da Televisión de Galicia, como Bamboleo, e colaboraron con formacións musicais como Sumrrá, nunha actuación especial no Teatro Colón da Coruña en 2025.
Fortemente vinculados a Santiago de Compostela, cidade da que ambos proceden, Antía e Óscar levan o tango aos escenarios desde unha identidade que conecta a tradición arxentina coa súa propia orixe compostelá. A súa participación, xunto coa de Sofía Ros, completa unha proposta pensada para vivir o tango desde diferentes perspectivas e converter o Auditorio de Galicia nun espazo no que a música se ve, se sente e se baila.
Entradas á venda
As entradas teñen un prezo de 20€ e poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).


