A Real Filharmonía de Galicia dá comezo esta semana á súa nova temporada, “Memoria”, cun concerto homónimo que propón un diálogo entre diferentes épocas, culturas e formas de entender a música. Baixo a batuta do seu director titular e artístico, Baldur Brönnimann, a orquestra inaugura a programación cun espectáculo protagonizado por dúas obras fundamentais do século XX: Folk Songs, de Luciano Berio, e a Sinfonía núm. 4 de Gustav Mahler, coa participación da mezzosoprano austríaca Katrin Wundsam.
O primeiro concerto da temporada terá lugar o xoves 1 de outubro, ás 20:00 h, no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, e repetirase o venres 2 de outubro, tamén ás 20:00 h, no Auditorio de Ferrol.
Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual. Ao longo da tempada, a Real Filharmonía explorará a memoria como legado, homenaxe, inspiración e tamén como materia viva capaz de xerar novas formas de expresión artística. A nova programación, deseñada por Baldur Brönnimann na súa cuarta tempada como director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, propón un diálogo constante entre o gran repertorio e a creación contemporánea, entre a tradición e a innovación.
Un novo horario para gozar da música
Unha das novidades desta temporada da Real Filharmonía de Galicia é o novo horario dos seus concertos, que comezarán ás 20:00 h, adiantando así o inicio das actuacións con respecto a programacións anteriores.
En Santiago continuarase nesta nova temporada coa actividade ‘Conversando con…’, un espazo que permite ao público achegarse aos protagonistas dos concertos e coñecer de primeira man as claves das obras que se interpretarán.
Nesta ocasión, a conversa terá lugar ás 19:15 h, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, nun encontro distendido e próximo no que os protagonistas do programa intercambiarán ideas co público e compartirán as súas visións sobre a música que se escoitará a continuación.
De Berio ao folclore de distintas latitudes
A temporada Memoria comeza cunha invitación ao diálogo entre a música do século XX e as tradicións populares de diferentes lugares do mundo. Ese encontro toma forma en Folk Songs, unha das partituras máis singulares de Luciano Berio.
Escrita en 1964 para a versatilidade vocal da cantante estadounidense Cathy Berberian, a obra reúne once cancións procedentes de distintas tradicións —entre elas Armenia, Francia, Italia, Sicilia ou Estados Unidos— e transfórmaas a través dunha linguaxe musical contemporánea, creando un mosaico no que voz, instrumentos e folclore dialogan constantemente.
Comprometido politicamente, mestre de varias xeracións de compositores e profesor na Universidade de Harvard, Berio converteu Folk Songs nunha obra de referencia que continúa sendo un importante desafío para grandes intérpretes. Neste concerto, a encargada de asumilo será Katrin Wundsam, unha das voces máis recoñecidas do panorama operístico europeo.
Na segunda parte, a mezzosoprano participará tamén na interpretación da Sinfonía núm. 4 de Gustav Mahler, unha das creacións máis luminosas e celebradas do compositor austríaco.
Rematada en 1900, en pleno período de intensa actividade de Mahler como director da Ópera de Viena, a Cuarta Sinfonía afástase das dimensións colosais doutras das súas obras para buscar unha maior transparencia orquestral, máis próxima á tradición clásica e estruturada nos seus catro movementos.
Unha mezzosoprano de proxección internacional
Descrita polo Kölner Stadtanzeiger como unha artista de “interpretación e canto cheos de expresividade”, Katrin Wundsam desenvolveu unha destacada carreira en prestixiosos teatros de ópera, salas de concertos e festivais internacionais.
O seu repertorio abrangue un amplo espectro, desde Mozart, Bach ou Schumann ata grandes papeis wagnerianos. Nos últimos anos interpretou Fricka en Das Rheingold e Die Walküre, a Erste Norn e Waltraute en Götterdämmerung, así como Magdalene en Die Meistersinger von Nürnberg. Tamén incorporou ao seu repertorio o papel de Ježibaba en Rusalka, actuación pola que foi nomeada Cantante do Ano pola prestixiosa revista alemá Opernwelt.
No ámbito concertístico, Wundsam mantén tamén unha estreita relación coa música de Mahler e Berio. Entre os seus compromisos recentes figuran a interpretación de Das Lied von der Erde de Mahler e de Folk Songs de Berio coa Deutsche Radio Philharmonie no Saar Music Festival.
Entradas á venda
As entradas para o concerto de Santiago de Compostela, o xoves 1 de outubro ás 20:00 h, están dispoñibles a través de Compostela Cultura.
No Auditorio de Ferrol, o concerto terá lugar o venres 2 de outubro ás 20:00 h. As entradas están dispoñibles a través da plataforma ATaquilla.
Antes do concerto de Santiago, ás 19:15 h, o público poderá participar nunha nova edición de ‘Conversando con…’, unha oportunidade para achegarse aos intérpretes e coñecer máis de preto as obras que conforman o programa inaugural de “Memoria”.


