Aberto o prazo para participar na cuarta edición do Obradoiro de Composición de Obras Sinfónicas da Real Filharmonía de Galicia / RESIS.LAB 2027

O prestixioso compositor Magnus Lindberg, compositor en residencia da tempada ‘Memoria’ da RFG, será o profesor desta actividade, que apoia a nova creación sinfónica e as novas xeracións de compositores e compositoras

O obradoiro celebrarase do 18 ao 21 de maio de 2027 no Auditorio de Galicia e concluirá cun concerto gratuíto e aberto ao público o venres 21 de maio, ás 20:00 horas

A Real Filharmonía de Galicia (RFG), xestionada administrativamente polo Consorcio de Santiago, abre o prazo de presentación de candidaturas para o Obradoiro de Composición de Obras Sinfónicas RFG / RESIS.LAB 2027, unha iniciativa que impulsa en colaboración co Festival RESIS de Música Contemporánea da Coruña. O proxecto reafirma o compromiso da orquestra coa nova creación sinfónica e co apoio ás novas xeracións de compositores e compositoras.

O obradoiro está dirixido a persoas que se atopan nas primeiras etapas da súa traxectoria creativa no ámbito da música sinfónica. Unha comisión avaliadora seleccionará un máximo de seis propostas, que poderán estar aínda en proceso de composición, sempre que a partitura presentada permita valorar polo menos dous minutos de música.

As actividades desenvolveranse de forma presencial os días 18, 19, 20 e 21 de maio de 2027 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Durante esas xornadas, as persoas seleccionadas terán a oportunidade de traballar coas súas obras nun contexto orquestral profesional. O taller concluirá cun concerto aberto ao público e coa gravación sonora e audiovisual das pezas interpretadas, que se facilitará ás persoas autoras para usos non comerciais.

O compositor finlandés Magnus Lindberg, unha das figuras destacadas da creación musical actual, será o profesor desta cuarta edición. A súa participación reforza a dimensión formativa do obradoiro e ofrece ás persoas seleccionadas a oportunidade de traballar coa experiencia e os coñecementos dun creador cunha ampla traxectoria no ámbito da composición sinfónica.

Lindberg é o compositor en residencia da tempada 2026-2027 da Real Filharmonía de Galicia, titulada “Memoria”, unha posición que subliña a importancia da súa obra dentro do proxecto artístico da orquestra. A súa música, recoñecida pola riqueza da súa linguaxe orquestral e pola súa capacidade para explorar novas posibilidades sonoras, constitúe unha referencia para comprender a evolución da creación sinfónica actual.

O taller contará tamén con Ben Voce como director musical, responsable de traballar coas pezas seleccionadas durante os ensaios coa orquestra. Ambos formarán parte da comisión avaliadora xunto a Baldur Brönnimann, director titular e artístico da RFG, que presidirá o órgano, e o compositor Hugo Gómez-Chao.

Requisitos e presentación de candidaturas
Poderán participar compositores e compositoras de nacionalidade europea ou con residencia na Unión Europea, Noruega, Suíza, Islandia ou o Reino Unido. Cada persoa poderá presentar unha única obra, que deberá ser orixinal, inédita e non ter recibido premios con anterioridade.

As propostas deberán estar escritas para formación orquestral, sen coro nin solistas, e respectar o cadro instrumental máximo establecido nas bases da convocatoria.

As solicitudes presentaranse exclusivamente a través da plataforma MUVAC, xunto cun breve currículo ou biografía, unha descrición da obra e a partitura xeral en formato PDF. A presentación dunha gravación de audio xerada mediante MIDI ou ferramentas de simulación instrumental será opcional.

O prazo de recepción de solicitudes permanecerá aberto do 15 de outubro ao 22 de decembro de 2026, ás 23:59 horas. A comunicación das obras seleccionadas realizarase individualmente antes do 20 de xaneiro de 2027. As persoas elixidas deberán entregar a partitura xeral definitiva, cunha duración máxima de oito minutos, antes do 10 de marzo de 2027, e as partichelas en PDF antes do 30 de marzo.

Dado o carácter formativo da iniciativa, a asistencia presencial a todas as sesións do taller será obrigatoria. Os gastos de desprazamento e aloxamento correrán por conta das persoas participantes.

Un concerto final gratuíto e aberto ao público
As actividades desenvolveranse de maneira presencial do 18 ao 21 de maio de 2027 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Durante estas xornadas, as persoas seleccionadas traballarán no perfeccionamento das súas obras e participarán nos ensaios xunto á orquestra, nun proceso que lles permitirá coñecer de primeira man os retos e as posibilidades da escritura para formación sinfónica.

Como peche do obradoiro, o venres 21 de maio, ás 20:00 horas, celebrarase un concerto gratuíto e aberto ao público no Auditorio de Galicia. A cita permitirá dar a coñecer o resultado do traballo desenvolvido durante o taller e escoitar as obras seleccionadas interpretadas pola Real Filharmonía de Galicia.

Ligazón ao proceso na plataforma MUVAC

Bases do proceso