A Real Filharmonía de Galicia ultima os detalles da temporada de abono 2024-2025 que presentará á cidadanía nun concerto especial o xoves día 13 de xuño ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia. O director titular da orquestra, Baldur Brönnimann, tomará de novo a batuta da formación e dialogará coas persoas asistentes sobre as liñas programáticas que marcarán esta nova etapa da RFG, con atención a algunhas das obras, persoas compositoras e intérpretes que deixarán a súa pegada na nova andaina.
O concerto é de acceso gratuíto para todas as persoas interesadas. As que foron abonadas durante a temporada 2023-2024 poderán ocupar as súas butacas habituais e acceder ao recinto mediante a presentación da súa tarxeta de abono. O resto do público poderá retirar os seus convites (máximo 2 por persoa) dende este martes, 4 de xuño, na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural (situado na praza de Cervantes e aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas), alén do propio dia do concerto no despacho de billetes do Auditorio (aberto dende unha hora antes do comezo do concerto).
Neste concerto, a Real Filharmonía de Galicia conta co apoio de Galicia Calidade, que ofrecerá un viño de cortesía ao remate do evento.