Este venres, 26 de xullo, ás 21:00 h, a Real Filharmonía de Galicia ofrece o seu xa tradicional concerto incluído na programación das Festas do Apóstolo de Santiago de Compostela. A entrada á Praza da Quintana será libre ata completar a capacidade do lugar.
Da man do mestre Baldur Brönnimann, director titular e artístico da RFG, a orquestra presentará un repertorio con obras populares, algunhas delas amplamente coñecidas polo público, seguindo co propósito de expandir as súas fronteiras e levar cultura a todos os sitios posibles.
Na ocasión, os asistentes poderán escoitar a Abertura Béatrice e Bénedicte de Hector Berlioz, a composición Peer Gynt: A mañá de Edvard Grieg, a Masquerade: Vals de Aram Khatchaturian, On the Town: Three Dance Episodes de Leonard Bernstein, Memorias de África: I had a farm in Africa de John Barry e tamén o Tema de A lista de Schindler e a Suite de A guerra das galaxias de John Williams.
Programación estival
Este concerto se enmarca dentro da temporada de verán da Real Filharmonía de Galicia e trátase dunha serie de espectáculos que anteceden a súa próxima temporada de abono, ‘Inconformistas’, que comezará en outubro.
As seguintes citas serán o martes 30 de xullo no Festival Hércules Brass no mosteiro de San Salvador de Celanova e o 14 de agosto no Auditorio de Castrelos, en Vigo, no Concerto Víctor Manuel Sinfónico.
A partir de setembro, comezan as actuacións nos barrios compostelás, onde desde o 18 ata o 20 de setembro terán lugar diversas presentacións en Galeras, Santa Marta e Conxo.