A Real Filharmonía de Galicia actúa na igrexa de Santo Agostiño como parte da súa programación estival

A Real Filharmonía de Galicia ofrece este xoves, 18 de xullo (20h), un concerto para achegar a música clásica a todo o público que acuda ao lugar. Será na igrexa de Santo Agostiño e estará á fronte da orquestra o director asistente, Sebastian Zinca.

Xunto á RFG, actuará a soprano Paulina Bielarczyk. A solista de orixe polaca (galardoada ano pasado co primeiro premio do VI Concurso de Canto Compostela Lírica), cantará nunha contorna cunha acústica privilexiada. O acceso será libre e de balde ata completar a capacidade do templo relixioso.

No ocasión, serán interpretadas composicións de Ludwig van Beethoven, como a Abertura de Prometeo e o primeiro movemento da súa Sinfonía num. 8 en Fa maior, op. 93. Ademais, o público terá a ocasión de escoitar Idomeneo: Recitativo e aria “Padre, germani, addio“, Cossí fan tutte: Recitativo e aria “Ei parte, senti… per pieta” e Cossí fan tutte: Recitativo e aria “Temerari… come scoglio” de Wolfgang Amadeus Mozart, entre outras composicións clásicas.

Compre indicar que o vindeiro venres, 26 de xullo, na praza da Quintana, haberá un concerto da RFG como parte da celebración das Festas do Apóstolo, onde Baldur

Brönnimann, director titular e artístico, levará a batuta.

Programación estival
Este concerto se enmarca dentro da temporada de verán da Real Filharmonía de Galicia, unha pequena mostra que antecede a súa próxima temporada de abono, que leva por título ‘Inconformistas’.

As seguintes citas serán o concerto xa mencionado das Festas do Apóstolo o 26 de xullo, o martes 30 de xullo no Festival Hércules Brass no mosteiro de San Salvador de Celanova e o 14 de agosto no Auditorio de Castrelos, en Vigo, no Concerto Víctor Manuel Sinfónico.

A partir de setembro, comezan as actuacións nos barrios compostelás, onde desde o 18 ata o 20 de setembro terán lugar diversas presentacións en Galeras, Santa Marta e Conxo.