A Real Filharmonía de Galicia conmemora o seu 30º aniversario cun programa especial que visitará Santiago de Compostela, Vigo, Ferrol e A Coruña nun espectáculo concibido como unha celebración compartida co público. Integrado na temporada “Historias”, este concerto constitúe ao mesmo tempo un recoñecemento á traxectoria da orquestra e unha declaración de futuro: a vontade de seguir avanzando en conexión cos tempos actuais sen perder de vista o legado das figuras e dos proxectos que sentaron as bases da súa excelencia.
Dirixido polo titular e artístico da RFG, Baldur Brönnimann, e co título “Historias da Historia”, o concerto convida o público a descubrir cada peza como parte dun relato musical único. A cita serve tamén como homenaxe a Helmuth Rilling, figura clave nos inicios da orquestra e director da formación entre 1996 e 2000, cuxa pegada foi determinante na configuración do seu proxecto artístico.
Con esta iniciativa, a Real Filharmonía de Galicia reafirma o seu compromiso coa cidadanía nunha celebración que revisita a súa memoria e proxecta o seu futuro. A temporada trázase así como unha viaxe pola traxectoria da orquestra e unha declaración do seu papel como proxecto cultural público, aberto e en diálogo coa sociedade.
Catro cidades para unha celebración compartida
A serie de concertos arrancará o 28 de febreiro no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela (20.30 h), e continuará o 4 de marzo no Centro Cultural Afundación de Vigo (20 h), o 5 no Auditorio de Ferrol (20.30 h) e o 6 no Palacio da Ópera da Coruña (20 h).
Con este percorrido, a Real Filharmonía de Galicia estende a celebración do seu aniversario por distintas cidades galegas, reforzando o seu vínculo co territorio.
Un programa que une a memoria e o futuro
Trátase dun percorrido emocional e artístico pola traxectoria da orquestra, que volve visitar os momentos, fitos e protagonistas da súa historia. O programa “Historias da Historia” nace coa vontade de transmitir a súa identidade converténdose nun relato musical que conecta a memoria colectiva coa súa visión estratéxica de futuro.
A elección dun repertorio sorpresa busca potenciar a escoita activa e a emoción da descuberta, nunha atmosfera de proximidade e complicidade cos músicos na que cada detalle contribúa a honrar a traxectoria da formación e a celebrar o camiño percorrido ao longo destas tres décadas, reforzando a identidade da Real Filharmonía de Galicia como unha institución viva, dinámica e comprometida coa excelencia artística.
Un espazo creativo arredor da música, aberto ao público máis novo
En paralelo ao concerto do 28 de febreiro en Compostela, ponse en marcha un espazo específico de mediación arredor da música para o público miúdo. A partir das 20.30 horas, a Sala Circular do Auditorio de Galicia acollerá un obradoiro de creación de fanzines dirixido á rapazada de 7 a 12 anos de idade, con asistencia de balde previa inscrición no formulario dispoñible na web compostelacultura.gal.
Durante a sesión, as nenas e nenos participantes botarán man de imaxinación e creatividade para reinterpretar este concerto conmemorativo a través da colaxe, a pintura ou a escrita.
A proposta fomenta así unha aproximación lúdica á música sinfónica, estimulando a participación e expresión persoal das asistentes.
Entradas á venda
Para o concerto de Santiago as entradas teñen un prezo de 15 € (con descontos do 50% para diferentes colectivos), e están dispoñibles na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio de Galicia (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).
Para os outros espectáculos é posible mercar as entradas a través da plataforma Ataquilla: desde 13,30 € para o día 4 de marzo no Teatro Afundación en Vigo (20.00 h); a partir de 17,60 € para o día 5 de marzo no Auditorio de Ferrol (20.30 h) e desde 14,25 € para o día 6 de marzo no Palacio da Ópera na Coruña.


