A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana un total de cinco concertos, onde catro deles estarán destinados a centros educativos e o último estará aberto ao público familiar.
O espectáculo, que se atopa dentro da programación escolar ofrecida pola RFG e Compostela Cultura a centros educativos de Santiago e de toda Galicia, terá lugar o xoves 12 e o venres 13 ás 10h e ás 12h (para os centros educativos que o solicitaron) e, ademais, haberá outro aberto ao público familiar o sábado 14 ás 18.00h. Para este último concerto a venda de entradas está aberta a través da propia web de Compostela Cultura e tamén nos despachos de billetes habituais a un prezo de 3€.
A compañía de artes escénicas La Maquiné, creadora de trece espectáculos e recoñecida con vinte e sete premios —entre eles dous Premios Max, catro Premios Lorca, o Premio Teatro de Rojas e o Premio FETEN, ademais de numerosas nominacións aos Max e aos Lorca por mellor espectáculo, vestiario e escenografía— é a responsable desta montaxe teatral. As súas creacións, de dramaturxia orixinal, destacan por un poderoso universo plástico, xestual e musical, pensado especialmente para o público novo sen renunciar a conquistar tamén ao espectador adulto.
Ao longo da súa traxectoria exploraron linguaxes como o teatro de monicreques e obxectos, o teatro físico e de máscaras, dialogando coa música de finais do século XIX e comezos do XX e levando á escena repertorios de compositores como Ravel, Falla, Debussy, Montsalvatge, Mompou, Stravinsky, Satie, Poulenc ou Ligeti.
Deste xeito, os espectadores que se acheguen ao Auditorio de Galicia coñecerán, da man dos actores Joaquín Casanova e Ángela Cáceres e baixo a dirección do mestre José López-Montes, a emocionante historia de Mona, unha nena criada na selva por un gorila chamado Koko. Un día, os seres humanos invaden e destrúen o seu fogar, levan a Mona á civilización para educala e encerran a Koko nun zoolóxico. Aínda que Mona consegue adaptarse ao novo mundo que lle impoñen, non é feliz. Con valentía e amor, emprende unha viaxe para rescatar a Koko. Unha aventura chea de emoción que convida a espectadores de todas as idades a reflexionar sobre a importancia de protexer o noso planeta e actuar para conservar a súa beleza e biodiversidade.


