A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana un novo programa baixo o título “Retrato da natureza”, dirixido pola violinista e directora Amandine Beyer. A proposta convida ao público a unha viaxe musical polos séculos XVII e XVIII a través de obras de Jean-Philippe Rameau, Jean-Marie Leclair, Georg Muffat e Justin Heinrich Knecht, nun percorrido que establece un diálogo directo entre música e natureza.
O programa ábrese coa Suite da ópera Naïs de Rameau, composta en 1749 para celebrar a Paz de Aquisgrán. Figura fundamental do Barroco francés, o compositor consolidouse en París tras o éxito do seu Traité de l’harmonie e o apoio do rei Luís XV. A continuación, escoitarase o Concerto para violín en la menor núm. 5, op. 7 de Leclair, considerado o fundador da escola francesa de violín, quen combina nesta obra a elegancia gala coa influencia italiana.
Completa a primeira parte o Concerto grosso núm. 12 en Sol maior “Propitia Sydera” de Georg Muffat, un exemplo da síntese estilística europea do Barroco. A segunda parte estará dedicada á Sinfonía Pastoral en Sol maior “O retrato musical da natureza” de Justin Heinrich Knecht, unha obra programática que anticipa a estética da Sinfonía Pastoral de Beethoven e que describe, con grande detalle, escenas naturais como o canto dos paxaros, a chegada da tormenta ou o himno final de agradecemento.
Como antesala ao concerto en Santiago, o público poderá gozar dun preconcerto na Sala Mozart ás 19:30 horas, protagonizado polo alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais. Baixo a dirección da propia Amandine Beyer e coa participación do bailarín e musicólogo Oliver Foures, interpretaranse obras de Rameau, Vivaldi, Heinichen, Pisendel e Albinoni.
Amandine Beyer, unha das figuras máis recoñecidas na interpretación historicista, desenvolve desde hai máis de dúas décadas unha intensa carreira internacional, con actuacións en salas como a Philharmonie de París, o Carnegie Hall de Nova York ou o Wigmore Hall de Londres. Fundadora do grupo Gli Incogniti, co que aborda un amplo repertorio que vai do Barroco ao Clasicismo, Beyer combina a súa actividade como intérprete cunha destacada traxectoria pedagóxica e camerística, colaborando con artistas e formacións de referencia a nivel mundial.
“Retrato da natureza” preséntase así como unha proposta singular e pouco habitual nas salas de concerto, que permite descubrir obras infrecuentes e explorar a relación entre música e paisaxe sonora a través dunha mirada histórica e evocadora.
As entradas teñen un prezo de 18€ e con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, maiores de 65 anos, estudantes, menos de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas e poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).
Por outro lado, para o concerto de Vilagarcía, poden mercarse as entradas no despacho de billetes do Auditorio Municipal de Vilagarcía a un prezo reducido de 5€ desde unha hora antes do espectáculo. Para os socios da entidade organizadora a entrada é gratuíta.


