“O peregrino” de Chaplin, en Cineuropa

No marco da 35ª edición do Festival Cineuropa, o 18 de novembro proxectarase o filme O peregrino (1923) de Charles Chaplin. Será ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia. A Real Filharmonía de Galicia interpretará en directo a banda sonora da película, cuxa música orixinal é de Chaplin pero o mestre Timothy Brock, experto en música de cinema mudo, que levará a batuta do concerto, restaurou a partitura no ano 2002 para actuacións en vivo.

A película estadounidense O peregrino relata a historia de Charlot (Charles Chaplin), un preso que logra fuxir do cárcere. Na súa fuxida, tras desfacerse do seu traxe de presidiario, rouba os hábitos dun reverendo para pasar desapercibido. Pero os seus problemas comezan cando ao chegar a un pobo os seus habitantes confúndeno co párroco ao que estaban a agardar.

O mestre Timothy Brock

Timothy Brock é un director e compositor especializado en obras de concerto de principios do século XX e representacións en vivo de cinema mudo. Considerado un dos máis importantes expertos en música de cinema mudo, as súas contribucións máis destacadas neste campo son as súas restauracións e as edicións publicadas da única partitura de cinema mudo de Dmitri Shostakóvich, A nova Babilonia; a épica italiana de Manilo Mazza, Cabiria; ou a popular partitura de George Antheil para o Ballet mecánico. Ao longo de trinta anos, Brock escribiu 27 partituras orixinais para cinema mudo.

O seu traballo sobre as composicións de Charles Chaplin comezou en 1998 cando lle encomendan a restauración da partitura de Tempos modernos e desde entón restaurou 12 longametraxes mudas de Chaplin e partituras curtas ata que finalizou o traballo en 2012.