A Real Filharmonía de Galicia rende homenaxe á música popular latinoamericana

Baldur Brönnimann, director titular e artístico da RFG, levará a batuta do espectáculo ‘Sons latinoamericanos’, onde tamén actuará o recoñecido barítono Darío Solari

Terá lugar os días 14 e 15 de marzo, en Santiago e Pontevedra, respectivamente

A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana o concerto Sons latinoamericanos e faino como unha homenaxe á súa música. O espectáculo, que terá lugar o xoves 14 en Santiago e o venres 15 en Pontevedra, contará coas obras Huapango (versión cámara) de J.P. Moncayo, Cinco cancións ao estilo popular rioplatense de V. Ascone, Estancia, op.8 de (ballet completo) de A.Ginastera, Acuarela de Adolfo Mejía e o Danzón núm. 2 de Arturo Márquez.

O programa, que conforma parte da temporada de abono ‘Migracións’ da Real Filharmonía de Galicia, será dirixido por Baldur Brönnimann e, ademais, contará coa actuación do barítono uruguaio Darío Solari. Está composto por obras de compositores orixinarios de países receptores da masiva migración galega do pasado século: Arxentina, México, Uruguai e tamén, en menor medida, Colombia. A proposta busca romper co eurocentrismo dominante na maioría de temporadas de música clásica occidental, dando cabida deste xeito a autores doutras latitudes.

Así, o espectador terá a oportunidade de coñecer un pouco máis destes ritmos populares e transportarse á súa cultura a través da presenza dos elementos folclóricos utilizados. Tamén, despois do concerto de Santiago, e da man de Galicia Calidade, ofrecerase un viño aos asistentes co fin de brindar e dialogar co público.

Recoñecido barítono
Acompañando á orquestra actuará o uruguaio Darío Solari, un dos intérpretes máis importantes do repertorio de Verdi e bel canto para barítono. Entre os seus logros, destácase o título de “Mellor Novo Cantante” no concurso “Ferruccio Tagliavini” en Deutschlandberg e tamén nos concursos internacionais “Tito Schipa” en Lecce e “Iris Adami Corradetti” en Padua.

Entradas á venda
As entradas para o concerto de Santiago poden mercase no despacho de billetes da Zona C ou na web de Compostela Cultura a un prezo de 18€. Por outra banda, para o espectáculo que terá lugar en Pontevedra, as entradas estarán dispoñibles a través da plataforma Ataquilla desde os 13,00€.