Jessica Cottis dirixirá o próximo concerto da Real Filharmonía de Galicia

O espectáculo ‘Dous continentes’ busca acortar as distancias entre Europa e Australia grazas á actuación da directora Jessica Cottis e a participación do solista Alejandro Oliván

Terá lugar os días 21 e 22 de marzo, en Santiago e Ferrol, respectivamente

Os case 15.000 quilómetros que separan Europa e Australia veranse esfumados, polo menos encima do escenario, grazas ao vindeiro concerto da Real Filharmonía de Galicia. Esta semana, a orquestra estará baixo a batuta da directora australiana Jessica Cottis, unha das máis destacadas da actualidade, e tamén contará coa participación de Alejandro Oliván, solista convidado, que interpretará unha breve peza para saxofón e orquestra e que será estreada en España: Island Songs, de Peter Sculthorpe.

As presentacións terán lugar o xoves 21 de marzo en Santiago e o venres 22 en Ferrol. O programa desta semana tamén inclúe a Sinfonía Clásica de Serguéi Prokofiev e a Sinfonía 104 Londres-Salomon de Joseph Haydn, coa que o autor puxo fin a máis de 50 anos como compositor sinfónico.

Neste eido, a Real Filharmonía de Galicia segue apostando por impulsar o talento e dar a coñecer a compositores que, de outra forma, non poderían apreciarse. Por iso, baixo o título “Dous continentes” o programa desta semana, que forma parte da temporada de abono ‘Migracións’, une composicións dos séculos XVIII, XX e XXI.

Talento e recoñecementos internacionais
Os dous artistas que se presentarán xunto á Real Filharmonía de Galicia esta semana tiveron o seu talento recoñecido en numerosas ocasións.

A directora Jessica Cottis foi aclamada polo “The Times” como o “Rostro clásico a seguir en 2019” mentres que Alejandro Oliván foi galardoado en concursos nacionais e internacionais. Entre eles, destácase o primeiro premio no concurso Basler Orchester Gesellschaft en Basel, en Suíza, ademais dun segundo premio no concurso internacional de saxofón Exigentia, en Italia.

Entradas á venda
As entradas para o concerto de Santiago poden mercarse no despacho de billetes da Zona C ou na web de Compostela Cultura a un prezo de 18€. Por outra banda, para o espectáculo que terá lugar en Ferrol, as entradas estarán dispoñibles a través da plataforma Ataquilla desde os 15,00€.