Maximino Zumalave dirixe o último concerto como director asociado da Real Filharmonía de Galicia

Contará coa soprano Carmen Buendía, gañadora do concurso de canto Compostela Lírica 2022

O mestre compostelán Maximino Zumalave dirixirá, despois de 27 anos, o seu último concerto como director asociado da Real Filharmonía de Galicia este xoves 14 (20:30h) e venres 15 (20:00h) no Auditorio de Galicia de Santiago e no Teatro Principal de Ourense.

O programa do concerto, baixo o título Exsultate jubilate, e pertencente á temporada Migracións, contará tamén coa soprano Carmen Buendía, gañadora do concurso de canto Compostela Lírica 2022. Esta actuación realízase en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago.

A orquestra interpretará a obra Saturnal, de Manuel Balboa; a estrea en España de Lúa descolorida, de Osvaldo Golijov; Exsultate Jubilate, de Wolfgang Amadeus Mozart e a Sínfonía núm. 6, de Franz Schubert.

Antes do recital do Auditorio de Galicia, ás 19:45h, o público poderá escoitar as impresións do mestre Zumalave nun novo coloquio do ciclo ‘Conversando con…’ no que os protagonistas dos concertos falan cos asistentes.

Obras contemporáneas e do gran repertorio danse a man para esta función, comezando por Saturnal, de Manuel Balboa, compositor coruñés falecido en 2004. Tamén estará presente Galicia na obra Lúa descolorida, composta polo arxentino Osvaldo Golijov sobre o poema de Rosalía de Castro.

A soprano Carmen Buendía tamén protagoniza o motete mozartiano Exsultate Jubilate, unha das pezas vocais máis festivas e coñecidas do compositor austríaco. Por último, a Sinfonía núm. 6, de Franz Schubert, unha composición que o músico vienés nunca chegou a escoitar en vida.

Entradas á venda
O público que o desexe pode mercar entradas para asistir a calquera dos dous recitais. Para o do xoves poden adquirirse a un prezo de 18€ tanto nos despachos de billetes como na web compostelacultura.gal, mentres que para o do venres na cidade das Burgas os tickets de acceso van desde os 10€ e poden mercarse a través da plataforma Ataquilla.