Estrea de “Gratulantes” de Sofía Oriana Infante, un encargo da RFG

A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto semanal de abono o xoves día 14, ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia, baixo a batuta do seu director titular e artístico, o Mestre Paul Daniel. Ademais, poderá seguirse en directo por streaming a través da canle de Youtube e do Facebook da RFG. O streaming comezará ás 20:45 horas, debido a que a primeira obra do concerto non se retransmitirá.

Baixo o título “O paraíso perdido”, o concerto abrirase coa estrea en España de Dark, with excessive bright da estadounidense Missy Mazzoli (1980). O título da obra, “Escuro, con brillo excesivo”, fai referencia a unha descrición de Deus extraída do poema “O paraíso perdido” de John Milton, na que se inspirou a compositora para describir o son escuro pero desgarrador do contrabaixo. A obra será interpretada polo contrabaixista principal da Real Filharmonía de Galicia, Carlos Méndez.

 

Apoio aos xoves compositores galegos

O concerto continuará coa estrea absoluta da obra Gratulantes, que a compositora galega Sofía Oriana Infante (Santiago, 1989) escribiu por encargo da Real Filharmonía de Galicia, en consonancia co propósito da RFG de promocionar a novos compositores da comunidade e á creación contemporánea. Esta liña de encargos de temática galega conta ademais co apoio do Xacobeo.

Tal como indica a compositora, a obra, cunha duración aproximada de dez minutos, está inspirada na celebración do Ano Xacobeo. “Por iso escollín unha peza do Códice Calixtino, Gratulantes celebremus festum, sobre a que traballei. A composición desenvólvese mediante unha estrutura reiterante, similar a un rondó, nun único movemento” -explica-. Infante sinala que o estilo desta peza é similar ao de In memoriam, estreada pola Real Filharmonía de Galicia en 2019. “A forza enérxica das cordas achega texturas densas e agres, que contrastan co carácter alegre e festivo dos ventos. O oínte poderá percibir influencias compositivas moi distintas fiadas de forma coherente e sempre con referencias simbólicas persoais ocultas como adoito facer en todas as miñas obras” -destaca a xove compositora-.

Sofía Oriana Infante é autora da banda sonora de diversas películas, entre elas Elisa y Marcela de Isabel Coixet. Comezou os seus estudos musicais aos oito anos no Conservatorio Xan Viaño de Ferrol. Ampliou a súa formación en Oviedo, onde estudou Composición; e logo trasladouse á Universidade de Kingston en Londres para realizar un Máster en Composición para Cinema e Televisión. Na actualidade cursa o seu Doutoramento sobre a Intelixencia Artificial como ferramenta compositiva e o Grao en Historia e Ciencias da Música, alternando con períodos de docencia en conservatorios e escolas primarias.

 

A “Sinfonía nº 8” de Dvorák porá o broche final

O concerto concluirá coa Sinfonía nº 8 de Antonín Dvorák (1841-1904), unha composición inspirada na música tradicional bohemia.