Data: 11-01-2024

MERCAR ENTRADA

(EN)FOCO viaxe de volta

Este concerto monográfico homenaxea a un dos compositores españois máis importantes e descoñecidos, Roberto Gerhard. Exiliado xa durante a Guerra Civil en Cambridge e autor dun amplo catálogo, Gerhard compuxo cinco ballets completos, sendo Alegrías o cuarto. O seu aparente estilo andaluz está moi matizado polas disonancias e irónicas melodías modulantes que o arredan de estereotipos. O ton festivo e luminoso de Alegrías tórnase máis escuro e pesimista na Sinfonía núm. 1, estreada en Baden-Baden en 1955. Dedicada á súa dona Poldi Gerhard, a quen coñeceu na capital austríaca, onde traballaba dando clases de castelán para vivir, a sinfonía emprega xa no primeiro tema o dodecafonismo, no que Gerhard brillou como poucos compositores. En toda a peza latexa un ton sombrío, recordo das dúas guerras que tiñan asolado a biografía persoal do músico.

 

Sebastian Zinca, director

Roberto Gerhard: Suite do ballet Alegrías
Roberto Gerhard: Sinfonía núm. 1

Coa participación do alumnado da EAEM

A musicóloga Rosa Fernández será a encargada de explicar as obras no concerto.

Consulta o programa do concerto.

 

Os concertos (EN)FOCO son unha nova proposta de programas que consiste en concertos comentados dunha hora de duración para axudar a comprender a música clásica a aquelas persoas que se achegan por primeira vez a ela. Estes concertos son de balde para os abonados e terán un custe de 10€ para os non abonados. Tamén existe a posibilidade de facer o “Abono (EN)FOCO” que, por 50€, inclúe os tres concertos (EN)FOCO da temporada e dous concertos máis a elixir.