A Real Filharmonía de Galicia rende unha homenaxe á compositora Kaija Saariaho no seu novo concerto

A música de Kaija Saariaho, unha compositora referente na actualidade, será interpretada esta semana pola Real Filharmonía de Galicia

Terá lugar os días 15 e 16 de febreiro, en Santiago e A Coruña, e as obras de Erich Wolfgang Korngold e Kurt Weill completarán o concerto

A Real Filharmonía de Galicia rende homenaxe de novo a notables compositores da actualidade. Esta semana, o xoves 15 en Santiago e o venres 16 de febreiro na Coruña, presentará a súa interpretación da obra de Kaija Saariaho nun novo concerto: Dende o inefable. Baixo a batuta do seu director titular, Baldur Brönnimann, e coa participación do clarinetista Kari Kriikku, este programa propón unha viaxe sonora a través dos cinco sentidos.

Na ocasión, ademais da riqueza tímbrica que se aprecia na música instrumental de Saariaho, como se recolle en D’om le vrai sens (concerto para clarinete e orquestra), o público terá a oportunidade de escoitar Tema e variacións de Erich Wolfgang Korngold, que gozou dun gran recoñecemento como músico de cine ao ser galardoado con dous Oscars.

O concerto péchase coa Sinfonía núm. 2 de Kurt Weill, un compositor coñecido polo seu talante reivindicativo con relación á necesidade dunha postura de compromiso ético a través da música.

Única visita á Coruña
O concerto terá lugar os días 15 e 16 de febreiro. O primeiro será no Auditorio de Galicia de Santiago ás 20:30h e o segundo será na Coruña, na que será a única actuación da Real Filharmonía de Galicia na cidade herculina nesta temporada. Unha oportunidade para os que queiran gozar da música desta orquestra no Palacio da Ópera (20:00h).

Baldur Brönnimann dirixe á Real Filharmonía de Galicia e faino acompañado do solista invitado, Kari Kriikku. A xunción entre estes dous artistas promete non deixar indiferente ao público, que pode esperar unha actuación cargada de inventiva musical e dunha nova actitude cara ás presentacións tradicionais.

Antes do concerto de Santiago, ás 19:45h, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, o director titular dialogará co público nunha nova cita do ciclo ‘Conversando con…’.

Entradas á venda
Para o evento, as entradas poden mercarse no despacho de billetes da Zona C ou na web de Compostela Cultura a un prezo de 18€. Para o concerto da Coruña, poden comprarse as entradas a través da plataforma Ataquilla desde 11€.