A pianista Sofya Melikyan debuta coa Real Filharmonía de Galicia

A Real Filharmonía de Galicia desprazarase o mércores 19 de maio a Vigo, onde actuará no Teatro Afundación da cidade, ás 20:00 horas, froito da colaboración da RFG coa Sociedade Filharmónica de Vigo e Afundación. O xoves 20 a cita será en Santiago, no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. A batuta levaraa o mestre Jaume Santonja, director asociado da Orquesta de Euskadi e director asistente da Orquestra Sinfónica da Cidade de Birmingham.

As entradas pódense  adquirir na web www.compostelacultura.gal. Como todos os concertos da presente temporada, o concerto de Santiago poderá seguirse tamén en directo por streaming a través da canle de Youtube da RFG.

Baixo o título Outras estacións, o programa, enmarcado no Ciclo de Piano Ángel Brage, comezará co Concerto para piano núm. 5 “Exipcio” de Camille Saint-Saëns, que será interpretado pola pianista Sofya Melikyan, no que será o seu debut coa RFG. A continuación soará a Sinfonía núm. 9 “As estacións” de Louis Spohr.