A Real Filharmonía de Galicia interpreta o concerto didáctico ‘Mini Mozart’, destinado aos máis cativos

O xoves 2 e venres 3 ofreceranse catro espectáculos destinados a colexios e o sábado 4 repetirase o concerto aberto ao público familiar

A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana cinco concertos didácticos dentro da programación escolar que ofrece Compostela Cultura a centros educativos de Santiago e toda Galicia.

Nesta ocasión será o espectáculo Mini Mozart o que se interprete nun espectáculo para todas as idades, cunha linguaxe simple e humor inocente. Os concertos estarán dirixidos polo mestre Jan Wierzba, quen xa dirixiu á Real Filharmonía de Galicia en anteriores ocasións. Xunto a el estarán os actores Sofía Nereida e António Miguel Teixeira. Este espectáculo faise en colaboración co Serviço Educativo da Casa da Música do Porto.

Os concertos serán o xoves 2 e venres 3 ás 10h e 12h para os centros educativos que o solicitaron e haberá outro aberto ao público familiar o sábado ás 18.30h. Para este último concerto a venda de entradas está aberta a través da web de Compostela Cultura e despachos de billetes habituais a un prezo de 3€.

Obras recoñecidas
‘Mini Mozart’ foi un encargo que lle fixo a Real Filharmonía de Galicia ao Serviço Educativo da Casa da Música do Porto. É unha aventura dos nosos días cos ollos e oídos doutros tempos, onde as personaxes saen da música e vívena cun entusiasmo contaxioso.

No espectáculo créase un ambiente propicio para gozar da música de Mozart, con interacción entre os personaxes e o público, así como entre os personaxes e a orquestra. Os máis pequenos e as súas familias terán a oportunidade de gozar de pezas tan coñecidas do xenial compositor como As vodas de Fígaro, considerada como unha das súas mellores creacións e unha das óperas máis importantes da historia da música. Tamén soarán fragmentos de obras como Unha pequena serenata nocturna, a Sinfonía nº 40, a Sinfonía nº 38 “Praga”, a Sonata para piano nº 11 coñecida como “Marcha turca”, e dúas arias de Don Giovanni.