A Real Filharmonía de Galicia homenaxea o compositor galego Carlos García-Picos nas Xornadas de Música Contemporánea

Será nun concerto o xoves 9 de xuño no Auditorio de Galicia con entradas de balde

A Real Filharmonía de Galicia participará este vindeiro xoves 9 de xuño nas Xornadas de Música Contemporánea organizadas por Compostela Cultura cun concerto ás 20.30h no Auditorio de Galicia no que se conmemorará o centenario do compositor galego Carlos López García-Picos. As entradas son de balde e poden retirarse na web compostelacultura.gal.

Este concerto, estará dirixido polo director asociado da Real Filharmonía, Maximino Zumalave e contará con Javier Ares Espiño ao piano e Álex Salgueiro como fagot. Nel interpretarase O boi sobre o tellado de Darius Milhaud, quen foi profesor de García-Picos no ano 1957 en París e producirase a estrea absoluta do Concerto para piano-fagot, cordas e percusión de Carlos López García-Picos ademais de que se interpretará a obra Sindy, do mesmo autor.

Centenario de García-Picos
A Real Filharmonía conmemora o centenario do nacemento de Carlos López García-Picos, compositor galego quen desenvolveu gran parte da súa actividade en Bos Aires, onde contactou coa intelectualidade galega. En Francia, estudou na Schola Cantorum e no Conservatorio Nacional de París. Foi o principal impulsor, socio e membro de honra da Asociación de Compositores de Galicia e mantivo na capital arxentina un compromiso constante coa comunidade galega.

Dirixido por Maximino Zumalave
O concerto estará dirixido por Maximino Zumalave. Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador.

Director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela, con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Georghiu, W. Holzmair, as irmás Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, Ch. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Jonson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial era a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.

Álex Salgueiro, fagot
Álex Salgueiro García (Madrid, 1984) é fagotista e contrafagotista na Orquestra Sinfónica de Galicia dende 2006 e colaborou con outras agrupacións como a Sinfónica de Navarra, Simfònica de les Illes Balears, a Filarmónica de Gran Canaria, a Real Filharmonía de Galicia, a do Gran Teatre del Liceu, ou a Orquestra Gulbenkian. Tamén actuou como solista coa Orquestra Gaos, o Taller Atlántico Contemporáneo e a OSG. Combina a vida orquestral cunha intensa actividade camerística con Zoar, grupo que no 2017 presentou unha dobre publicación de CD e partituras coa obra completa para quinteto de vento de Carlos López García-Picos, posteriormente presentada en Bos Aires. Recentemente completou un Mestrado en investigación musical na Universidade Internacional de Valencia cun traballo de investigación sobre o Concerto para piano-fagot deste mesmo compositor. É profesor do Centro Superior de Música de Galicia e impartiu cursos e clases maxistrais en cidades como Santiago de Compostela, Ourense, Cádiz, Pamplona ou Zaragoza.

Javier Ares, piano
Javier Ares Espiño (Ourense, 1979) é Doutor pola USC e Catedrático de piano no CSM da Coruña. Comezou os seus estudos de piano en Betanzos con Carlos López García-Picos, continuando no Conservatorio Superior de Música da Coruña baixo a dirección de Natalia Lamas. Posteriormente ampliou os seus estudos no Centro Superior de Ensinanza Musical Katarina Gurska recibindo clases dos pianistas Alexander Kandelaki e Nino Kereselidze. Desenvolve unha ampla actividade como solista e como integrante de grupos de cámara en diversas formacións. É membro da Irmandade da Música Galega e do Grupo de Investigación Organistrum da USC, co que participou en varios proxectos I+D+i. Entre as súas publicacións destaca a monografía Carlos López García-Picos. Música a orillas del Atlántico (2016), co editada pola USC, Xunta de Galicia e Concello de Betanzos.