Estreamos temporada coa recentemente falecida Kaija Saariaho, unha das compositoras máis importantes da actualidade. De orixe finesa e afincada en París, na súa escrita mestúrase a poética herdada de Sibelius co espectralismo e a electrónica. En Ciel d’Hiver, de 2013, a orquestra debuxa o movemento estelar a través dun complexo entramado tímbrico. O compositor transilvano György Ligeti, case o único supervivente do nazismo na súa familia, comezou o Concerto para piano e orquestra en máis de 20 ocasións, dándoo por rematado en 1981. Na súa sección de percusión empréganse asubíos, castañolas, maracas e ata un látego! As Danzas Sinfónicas do compositor ruso Sergei Rachmaninov, exiliado nos Estados Unidos, pechan o concerto. Nelas adivíñase a lembranza de Rimsky-Kórsakov e da música tradicional rusa.
Baldur Brönnimann, director
Alberto Rosado, pianista
Kaija Saariaho: Ciel d’Hiver
György Ligeti: Concerto para piano e orquestra
Sergei Rachmaninov: Danzas Sinfónicas, op. 45
Coa participación do alumnado da EAEM