A Real Filharmonía de Galicia presenta unha nova edición do proxecto colaborativo “Cantamos!”, unha iniciativa que convida os coros afeccionados de Galicia a formar parte activa dun concerto sinfónico. Nesta terceira edición, o espectáculo céntrase nalgúns dos coros de ópera máis famosos.
Trátase dun proxecto de carácter social onde a Filharmonía aposta por abrirse á sociedade e estreitar lazos coa comunidade. Neste aspecto, a orquestra compostelá quere consolidarse como unha entidade musical aberta ao convidar coros de toda a Galicia para participar deste espectáculo único.
Os concertos terán lugar o xoves 18 e tamén o venres 19 de decembro, ás 20:30 h, no Auditorio de Galicia, baixo a batuta do director galego Javier Fajardo, que volve poñerse á fronte deste proxecto. Participan como solistas Milan Périsic, barítono, e Andrea Rey, mezzosoprano, xunto á Real Filharmonía de Galicia e sete coros galegos: Coro de Cámara Thalassa (Marín), Coro da Asociación Músico Crisanto (Rábade), Coro Asociación de Amigos del Camino de Santiago (Lugo), Coro Asubío, Coro da Escola Municipal de Música de Santiago, Coro Crecente de Voces Graves e Sons de Solovio (Santiago de Compostela).
O programa inclúe aberturas, coros e arias das óperas máis representativas de Wolfgang Amadeus Mozart, Gioachino Rossini, Giuseppe Verdi, Gaetano Donizetti e Georges Bizet, compositores imprescindibles cuxas obras narran historias de amor, celos, coraxe, renuncia e xenerosidade. A súa música, profundamente ligada á experiencia humana, continúa a ser unha poderosa ferramenta para a transmisión de emocións, coñecemento e identidade colectiva.
“Cantamos!” nace coa vontade de derrubar barreiras entre o escenario e o público, reforzando o papel social da orquestra e fomentando a participación activa da cidadanía na vida cultural. Nesta edición, o proxecto conta coa colaboración da Federación de Coros de Galicia e de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, así como coa participación do alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM).
Antes dos concertos, o público poderá asistir ao ciclo “Conversando con… Javier Fajardo”, que terá lugar ás 19:45 h na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. As entradas teñen un prezo de 15€ e con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, maiores de 65 anos, estudantes, menos de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas e poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).


