Travesías e mitos

ORQUESTRA SINFÓNICA DE GALICIA
Roberto González Monjas, director
Dmitri Shishkin, piano

Antonín Dvorák: Abertura Otello
Camille Saint-Saëns: Concerto para piano núm. 5, en Fa maior, Op. 103, «Exipcio»
Gustav Mahler: Blumine
Antonín Dvorák: O trasgo da auga

O home tranquilo que foi Dvorák —a quen só se lle coñeceron como vicios a súa paixón polos trens e polas pombas— verteu un vasto universo emocional nas súas obras. A abertura Otello canta o lado escuro do amor e desprende unha atmosfera sombriza na que os celos acaban por apagar as melodías máis líricas. O trasgo da auga transforma unha lenda popular nun relato de intensa carga dramática, no que a angustia da nai se expresa a través dun cromatismo confiado ao violín. A morte do meniño desintegra finalmente a música no silencio. Saint-Saëns compuxo o seu quinto e derradeiro concerto para piano durante unha estadía en Luxor, onde atopou parte das inspiracións que percorren a partitura. Pianista virtuoso, foi tamén o solista da estrea desta obra, recoñecible pola súa brillantez e polo refinado exotismo que impregna especialmente o segundo movemento. Completa o programa Blumine, unha das páxinas máis enigmáticas de Gustav Mahler. Aínda que formou parte da versión orixinal da súa Primeira Sinfonía, o compositor decidiu retirala anos despois. A delicada melodía da trompeta anticipa xa a dimensión lírica e espiritual que caracterizaría o seu universo musical.

XOV 29 ABR (15€)
Auditorio de Galicia, 20.00 h