A Real Filharmonía de Galicia organizará, entre os días 29 de abril e 3 de maio de 2024, un obradoiro de lecturas de novas obras sinfónicas. Para a ocasión fíxose unha selección previa entre distintas candidaturas de compositores e compositoras, que culminou coa elección de seis obras: Implosión de Jorge Enrique Díaz Palma; Cadencia de Marius Alexander Díaz Moreno; Faramontaos 1952 de Mario García Cortizo; Thoughts de Skye García Perea; Sinfonía nº 1, op. 2 de Jan M. Tassani e Élan de Carlos Nuñéz Medina.
Ao final das actividades, no día 3 de maio, terá lugar no Auditorio de Galicia un concerto aberto ao público para presentar o resultado do desenvolvemento destas composicións inéditas.
Esta iniciativa está contemplada dentro do compromiso da RFG coa nova creación sinfónica e coa nova xeración de compositores e compositoras. Baldur Brönnimann, director artístico e titular da RFG e o compositor Ramón Lazkano serán os mentores deste taller.
Durante os catro días que durará o obradoiro, os seus participantes terán a oportunidade de discutir aspectos prácticos das súas composicións e ensaiar as obras presentadas. Unha oportunidade para os creadores de enriquecer a súa experiencia no eido da composición orquestral e tamén unha ocasión para incrementar o repertorio da RFG.