A Real Filharmonía de Galicia volve a interpretar os concertos destinados aos máis pequenos da casa nesta semana. Na ocasión, a obra elixida é “O gato con botas”, un conto popular europeo que adquire unha nova proposta artística da man dos títeres PerPoc e os debuxos da artista rusa Alexandra Semenova. O espectáculo será dirixido por Aarón Zapico e contará coa narración de Rocío de Lorenzo.
Inclúense cinco pases: os catro primeiros serán o xoves 1 e o venres 2 de febreiro (ás 10h e ás 12h) e serán enteiramente dedicados a centros educativos de infantil e primaria de Santiago e tamén da provincia da Coruña e incluso da provincia de Pontevedra.
Xa o sábado 3 de febreiro, ás 18h, o Auditorio de Galicia abre as súas portas para recibir a todos os públicos que teñan interese en coñecer as aventuras do astuto felino. As entradas custan 3€ e poden adquirirse nos despachos de billetes e a través da web compostelacultura.gal.
O Gato con Botas é un conto popular compilado en 1695 por Charles Perrault e conta a historia dun gato que, grazas a súa picardía, consegue a fortuna e man dunha princesa para o seu amo, totalmente pobre. Desde a súa publicación, en 1697, no seu libro Contos de Antano, que dedicou e regalou á sobriña de Luís XIV, tivo moito éxito.
A música proposta para este espectáculo é o repertorio musical francés dos séculos XVII e XVIII que será, tamén, protagonista xunto a unha recreación de personaxes e escenografía que nos remiten coa súa estética á época do Rei Sol.