Sebastian Zinca dirixe o vindeiro concerto da Real Filharmonía de Galicia: Ecos Sinfónicos

O segundo concerto da temporada 2024-2025 da RFG incorpora obras de Eduardo Soutullo, Ralph Vaughan Williams e Jean Sibelius

A batuta estará a cargo do director asistente, Sebastian Zinca, e terá lugar os días 10 e 11 de outubro, en Santiago e Pontevedra, respectivamente

A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana, en Santiago e Pontevedra, un novo concerto da súa nova temporada de abono ‘Inconformistas`. Baixo o título Ecos Sinfónicos, o espectáculo terá lugar o xoves 10 de outubro no Auditorio de Galicia (20:30h) e o venres 11 no Centro Cultural Afundación en Pontevedra (20:30h).

O público que se achegue a gozar do espectáculo terá a ocasión de escoitar a obra do compositor galego Eduardo Soutullo, All the echoes listen. Malia tratarse dunha peza composta no ano 2005, soamente agora – case vinte anos despois – será interpretada pola Real Filharmonía de Galicia.

Cómpre indicar que a composición estreouse en Barcelona no ano 2006 e desde entón foi interpretada por músicos de distintas orquestras, como a Sinfonica da Radiotelevision de Suecia ou mesmo a Orquestra Nacional de Lorreine. Ademais, foi galardoada na XIII edición do Concurso Internacional Ciutat de Tarragona e está inspirada no poema de Oliver Wendell Holmes, Even-Song. Nas palabras do propio autor “é unha alegría volver colaborar coa Filharmonía”.

Ademais desta obra, os espectadores poderán escoitar a Fantasía sobre un tema de Thomas Tallis, de Ralph Vaughan Williams, que comparte a idea dos ecos da primeira obra deste programa, e tamén a Cuarta Sinfonía de Sibelius. Esta última, evoca unha aura de angustia e dor como experiencia creativa e, por iso, a xunción destas tres pezas pretende imprimir unha paisaxe sentimental sonora do máis intensa.

Entradas á venda
As entradas para o concerto de Santiago poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio de Galicia (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 15€.

Por outra banda, para o espectáculo que terá lugar en Pontevedra, as entradas estarán dispoñibles a través da plataforma Ataquilla desde os 14,60€.