Rosanne Philippens actúa como solista coa Real Filharmonía nun concerto que se interpretará en Santiago, Vigo e A Coruña

Paul Daniel regresa como director convidado coa orquestra para un programa no que se ofrecerán obras de Chaikosvki, Leoš Janá?ek e Zoltán Kodály

A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá esta semana un triplo concerto que levará por título ‘Sons do Leste’ coa violinista Rosanne Philippens como solista baixo a dirección do mestre Paul Daniel. A neerlandesa será protagonista tras a cancelación por motivos de saúde do violinista Nemanja Radulovic, previsto inicialmente na programación.

O programa interpretarase este xoves 4 no Auditorio de Galicia de Santiago, o venres 5 de maio no Teatro Afundación de Vigo e ofrecerase novamente o sábado 6 no Pazo da Ópera da Coruña. O evento en Santiago será ás 20:30h mentres que os outros dous serán ás 20h.

As obras que se interpretarán serán o Concerto para Violín en Re maior, de Piotr Ilich Chaikovski, o Taras Bulba, de Leoš Janá?ek, e as Danzas de Galanta, de Zoltán Kodály.

Para esta ocasión, Paul Daniel regresa coa Filharmonía como director convidado nun concerto no que Rosanne Philippens actuará como solista. A violinista destaca por ser unha comunicadora extraordinaria e pola súa forma de interpretar alegre e enérxica. Actuou como solista e música de cámara, e cada vez é máis solicitada internacionalmente.

Entradas á venda
Para os tres recitais poden mercarse aínda entradas. Será a través de compostelacultura.com e os despachos de billetes habituais no caso do concerto de Compostela e a través de Ataquilla para os de Vigo e A Coruña. Os prezos son de 18€ no primeiro, mentres que para o da cidade olívica os prezos parten dos 6,30€ e para o da urbe herculina dos 11€.