A Real Filharmonía de Galicia ofrece este xoves, 6 de marzo, no Auditorio de Galicia de Santiago, un concerto que leva o suxestivo nome de “Zappeando”. A idea por tras deste programa é destacar a figura do controvertido compositor Frank Zappa ao dedicar a segunda parte do espectáculo á presentación de catro das súas obras: Perfect Stranger, Dupree’s Paradise, Dog Breath Variations / Uncle Meat e G-Spot Tornado. Unha mestura de música clásica, jazz, rock e psicodelia que mudou o significado da contra-cultura na segunda metade do século XX.
Nas palabras do propio Zappa, “sen desviación da norma, o progreso non é posible”. Así, a RFG aposta por un programa con obras de compositores que romperon, experimentaron e revolucionaron a música, abrindo novos territorios sonoros ao ousar desafiar as normas establecidas. O inconformismo, que se trata da premisa base desta temporada da Real Filharmonía de Galicia, é a chave para avanzar, en calquera eido da vida, pero sobre todo na música.
Na ocasión, a orquestra será dirixida polo mestre Peter Rundel, un dos directores máis solicitados polas principais orquestras europeas, debido á profundidade do seu enfoque da música complexa de varios estilos e épocas, así como á súa creatividade interpretativa.
Ademais de Zappa, na primeira parte do programa desta semana escoitarase o liberador ritmo de Four Ragtime Dances, de Charles Ives, ben como o Andante for strings, da compositora norteamericana Ruth Crawford e tamén a salvaxe e pulsional Déserts, de Edgard Varèse, quen tivo unha grande influencia na música orquestral de Frank Zappa.
Un premiado director
Peter Rundel, quen levará a batuta neste concerto, foi galardoado con numerosos premios polas súas gravacións de música do século XX, entre eles o prestixioso Preis der deutschen Schallplattenkritik (Nono, Prometeo; Kyburz, Ensemble- und Orchesterwerke; Reich, City Life; Furrer, Piano Concerto; Bertrand, Vertigo), o Grand Prix du Disque (Barraqué, obra completa), o Echo Klassik (Sprechgesänge co Ensemble Musikfabrik) e o nomeamento ao premio Grammy (Heiner Goebbels, Surrogate Cities).
Antes do espectáculo o público asistente poderá intercambiar ideas e escoitar o seu punto de vista grazas ao ciclo ‘Conversando con…’, un coloquio informal que busca achegar os espectadores ao universo e ás ideas dos artistas convidados. A conversa terá lugar ás 19:45h na Sala Mozart.
Espazo de lecer para a rapazada
Como novidade, nesta ocasión Compostela Cultura abre para este concerto un servizo de ludoteca de balde para a rapazada e atendido por persoal cualificado. Trátase dun espazo con 12 prazas dispoñibles, para participantes de entre 6 e 11 anos de idade, onde os menores asistentes poderán mergullarse no universo sonoro do músico través de xogos sobre a súa imaxe e dinámicas de interacción para que experimenten como é tomar parte nunha orquestra de percusión a partir da súa obra.
Para inscribirse ao obradoiro infantil é preciso anotarse a través da propia páxina web de Compostela Cultura, as prazas cubriranse por estrita orde de inscrición ata o mércores anterior ao concerto, día 5 de marzo.
A actividade comezará ás 20:15h co fin de facilitar a asistencia das familias e promover un ambiente seguro e divertido para os máis pequenos.
Entradas á venda
As entradas para este concerto, que será o día 6 de marzo no Auditorio de Galicia (20:30h), poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 15€.