O mestre Paul Daniel dirixirá este xoves por derradeira vez a Real Filharmonía de Galicia sendo o seu director titular, xa que en xaneiro de 2023 dará paso a Baldur Brönnimann neste posto. No vindeiro ano regresará coa orquestra xa como director convidado.
O programa deste concerto estará composto por tres distintas Serenatas, de Dvoràk, Richard Strauss e Chaikovski. En concreto serán a Serenata en Re Menor de Antonín Dvoràk, a Serenata para ventos de Richard Strauss e a Serenata en Do Maior de Piotr Ilyich Chaikovski.
Esta actuación, que se atopa dentro do programa de abono desta temporada 2022-23, e que leva por nome ‘Escoitar o Mundo’, ofrecerase o xoves 15 de decembro, ás 20:30h, no Auditorio de Galicia.
Ademais, ás 19.45h, na Sala Mozart haberá unha nova edición de ‘Conversando con…’ na que o público poderá interactuar co mestre Paul Daniel. Estes encontros están promovidos pola Real Filharmonía antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.
Entradas á venda
Para o concerto aínda quedan entradas dispoñibles a un prezo de 15€ á venda a través da web de Compostela Cultura, na Zona C ou no despacho de billetes desde unha hora antes do inicio do concerto.