O talento galego volve protagonizar o novo programa da Real Filharmonía de Galicia

A frautista Silvia Rozas Ramallal actuará como solista baixo a batuta da directora Agata Zajac nun programa que estrea a obra "Time painting" de compositora Helena Cánovas Parès xunto a obras de Mozart e Poulenc

O concerto poderá escoitarse o xoves 5 de febreiro (20:30h) en Santiago e o venres 6 de febreiro en Ourense (20:00h)

A Real Filharmonía de Galicia presenta esta semana “Iluminacións”, un programa que combina estrea absoluta, grandes fitos do repertorio clásico e a participación destacada do talento galego, cun especial protagonismo da frautista Silvia Rozas Ramallal. Baixo a dirección de Agata Zajac, a orquestra compostelá propón un percorrido musical que conecta creación actual, clasicismo e neoclasicismo europeo.

O concerto ábrese coa estrea absoluta de Time painting, da compositora Helena Cánovas Parès, unha das voces máis singulares da creación actual no panorama europeo. A súa música caracterízase por unha refinada exploración do tempo, do xesto sonoro e da percepción auditiva, cunha escrita precisa e profundamente expresiva. Esta obra forma parte do proxecto “Cometas”, unha iniciativa que impulsa novas creacións e diálogos coa orquestra desde a contemporaneidade, consolidando o compromiso da Real Filharmonía de Galicia coa música do noso tempo.

A continuación, o programa aborda o Concerto para frauta nº 1 en Sol maior, de Wolfgang Amadeus Mozart, unha obra composta en 1778 que destaca pola súa luminosidade, elegancia e equilibrio formal. Lonxe do tópico que presenta a Mozart como un compositor reticente á frauta, este concerto revela unha escrita chea de lirismo e virtuosismo, na que o instrumento solista dialoga coa orquestra cunha naturalidade e frescura excepcionais.

A segunda parte do concerto está dedicada á Sinfonietta de Francis Poulenc, composta en 1947. Nesta obra, o compositor francés condensa o seu estilo máis persoal: unha mestura de ironía, lirismo e clasicismo reinterpretado, cunha orquestración brillante e unha clara devoción pola melodía. Unha peza vitalista e refinada, que transita con liberdade entre distintos estilos dentro dunha estética neoclásica inconfundible.

O talento galego ten un papel central neste programa coa participación de Silvia Rozas Ramallal, frauta solista convidada. Natural de Galicia, Rozas desenvolve unha sólida carreira internacional e é actualmente frauta solista da Filharmónica da NDR. A súa presenza neste concerto supón unha nova oportunidade para poñer en valor a proxección internacional dos intérpretes galegos, que regresan aos escenarios do país cunha traxectoria consolidada.

Á fronte da Real Filharmonía de Galicia sitúase Agata Zajac, unha das directoras novas máis destacadas da escena europea. Cunha carreira en pleno ascenso e unha formación internacional de primeiro nivel, Zaj?c destaca pola claridade do seu discurso musical e pola súa especial sensibilidade tanto para o gran repertorio como para a creación contemporánea.

Antes do concerto de Santiago, os asistentes poderá asistir ao encontro “Conversando con…”, que terá lugar ás 19:45 h na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, unha oportunidade para coñecer un pouco máis sobre a traxectoria das mulleres protagonistas desta semana e a súa relación co repertorio elixido.

As entradas teñen un prezo de 18€ e con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, maiores de 65 anos, estudantes, menos de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas e poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).

Por outro lado, para o concerto de Ourense, poden mercarse as entradas a través da plataforma Ataquilla desde 12,00€.