Este programa ábrese cun dos cantos de amor máis universais, o Idilio de Sigfrido, co que Wagner agasalla á súa dona, Cosima Liszt. Destinada ao ámbito doméstico, é por iso unha das súas poucas obras exclusivamente orquestrais. Na mesma atmosfera intimista desenvólvese Schattenhaft, estrea do compositor galego Hugo Gómez-Chao, que traslada o universo poético dos corpos en resonancia ao mundo dos sons, xogando coa idea da ausencia, da presenza e da lembranza. Este mesmo delicado mundo interior desprégase na segunda parte do concerto cunha obra do sueco Franz Berwald, compositor romántico considerado hoxe un dos músicos máis importantes de Suecia, a pesar de que mentres viviu tivo que traballar como ortopédico ou en distintas fábricas en Berlín. Nunca interpretada en vida do músico, a súa Sinfonía núm. 3 “Singulière” é unha obra vitalista que se inspira no folclore escandinavo.
Baldur Brönnimann, director
Richard Wagner: Idilio de Sigfrido
Hugo Gómez-Chao: Schattenhaft*
Franz Berwald: Sinfonía núm. 3 “Singulière”
*Encarga RFG. Estrea absoluta
Coa participación do alumnado da EAEM