O pianista Fazil Say e o director Can Okan estrean a nova temporada da Real Filharmonía de Galicia, Escoitar o Mundo

O concerto, que levará por título 'Referencias', ofrecerá a estrea en España da peza de Fazil Say A mansión andante ademais de obras de Mozart e Beethoven

A Real Filharmonía de Galicia estrea este xoves ás 20.30h no Auditorio de Galicia a súa nova temporada 2022-23 cun concerto que levará por título ‘Referencias’. Este concerto estará dirixido polo emerxente director turco Can Okan e o gran pianista e compositor, tamén turco, Fazil Say. Este mesmo programa ofrecerase o venres, 14 de outubro, no Auditorio de Ferrol, tamén ás 20.30h.

Neste concerto, a Filharmonía celebrará o regreso tan agardado do gran pianista e compositor e no que o público poderá escoitar a estrea en España da súa peza A mansión andante. Deseguido, Fazil interpretará o fermosísimo concerto de Mozart en Do Maior núm. 21. A velada rematará coa orquestra interpretando unha das súas músicas favoritas, a 7ª Sinfonía de Beethoven.

Con esta sesión dará o inicio a nova temporada da Real Filharmonía de Galicia, derradeira deseñada polo director artístico actual da orquestra, o mestre Paul Daniel.

Fazil Say e Can Okan
Este inicio de temporada suporá o regreso coa orquestra galega dun pianista moi querido polo público da Real Filharmonía, Fazil Say, que xa impresionou en anteriores ocasións. Say, cun extraordinario talento pianístico, leva 25 anos conmovendo o público e a crítica dunha maneira que se volveu pouco habitual.

Fazil Say, que tocou con todas as orquestras americanas e europeas de renome e con numerosos directores de orquestra de primeira orde, construíndo un repertorio polifacético que vai desde Bach, pasando polos clásicos vieneses e os románticos, ata a música contemporánea, incluíndo as súas propias composicións para piano.

A súa obra inclúe catro sinfonías, dous oratorios, varios concertos para solistas e numerosas obras para piano e música de cámara.

Say estará dirixido polo emerxente director, tamén turco, Can Okan. Este músico de 36 anos dirixiu todas as orquestras sinfónicas estatais en Turquía, ademais de dirixir a estrea da ópera de Stravinsky The Rake Progress coa Ópera e Ballet Estatal de Istambul en 2017, alén da dirección doutras obras operísticas.

Entradas á venda
As entradas para poder vivir o concerto do vindeiro xoves no Auditorio de Galicia están á venda a través do portal compostelacultura.com ao prezo de 18€. Pola súa parte, as entradas para o concerto ferrolán do vindeiro venres están á venda a través ataquilla.com por 15€.