O Obradoiro de Dirección Orquestral da Real Filharmonía de Galicia recibe máis de 120 candidaturas de todo o mundo

Seis directores e directoras de seis países participarán na nova edición da iniciativa, que se desenvolverá do 7 ao 10 de decembro no Auditorio de Galicia

A iniciativa, impulsada polo director titular e artístico da RFG Baldur Brönnimann, reforza a proxección internacional da orquestra e o seu compromiso co talento emerxente

A Real Filharmonía de Galicia vén de pechar a convocatoria para unha nova edición do seu Obradoiro de Dirección Orquestral, que recibiu un total de 121 candidaturas procedentes de diferentes partes do mundo. A elevada participación reflicte o interese que esperta esta iniciativa formativa, coa que a orquestra compostelá reafirma o seu compromiso co desenvolvemento profesional das novas xeracións de directores e directoras.

As persoas admitidas nesta edición son Jacobus De Jager (Sudáfrica), Nina Haug (Suíza), Kentaro Machida (Xapón), Adrian Rogers (Estados Unidos), Jorge Yagüe (España) e Chunyi Zhao (China). A convocatoria conta, ademais, cunha lista de agarda para cubrir posibles baixas entre as persoas admitidas.

O obradoiro desenvolverase do 7 ao 10 de decembro de 2026 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, baixo a dirección de Baldur Brönnimann, director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia. Ao longo de catro días de traballo, as persoas participantes terán a oportunidade de afondar na súa formación a través da experiencia práctica cunha orquestra sinfónica profesional, nun contexto que lles permitirá desenvolver as súas habilidades e ampliar os seus recursos no ámbito da dirección musical.

A iniciativa ofrece un espazo de aprendizaxe directa no que o contacto co conxunto instrumental e a orientación dun director de ampla experiencia constitúen elementos fundamentais. O traballo práctico permite ás persoas participantes achegarse ás dinámicas propias do ensaio orquestral, explorar diferentes ferramentas de dirección e adquirir unha experiencia especialmente valiosa para a súa evolución artística.

Unha oportunidade para aprender, compartir coñecemento e crear vínculos profesionais
A traxectoria do Obradoiro de Dirección Orquestral da RFG amosa o potencial destas experiencias para transcender o ámbito formativo e abrir novas vías de colaboración artística. Nalgúns casos, a relación coa orquestra ten continuidade en proxectos de diferentes tempadas, mentres que a experiencia adquirida contribúe ao desenvolvemento profesional das persoas participantes e á súa proxección no ámbito musical.

Este intercambio enriquece tamén a propia orquestra, que incorpora novas perspectivas e sensibilidades artísticas e fortalece os vínculos con profesionais de distintas procedencias. Deste xeito, a iniciativa favorece unha relación na que a aprendizaxe e o enriquecemento artístico se producen en ambas as direccións.

Baixo o impulso artístico de Baldur Brönnimann, o obradoiro forma parte dunha aposta por manter viva a música sinfónica a través da aprendizaxe, a renovación e a apertura ás novas xeracións.

Crear oportunidades para que novos directores e directoras traballen cunha orquestra profesional significa contribuír á transmisión do coñecemento e favorecer que a tradición sinfónica siga evolucionando e conectando coas xeracións futuras.