O mestre Pablo González dirixe a Real Filharmonía de Galicia nun concerto con obras de Gerhard, Schoenberg e Dvorák

O recital será este xoves 26 no Auditorio de Galicia e dará comezo ás 20:30h

A Real Filharmonía de Galicia ofrece o vindeiro xoves, 26 de outubro, no Auditorio de Galicia de Santiago, un novo concerto que leva por nome Dende o exilio e no que a orquestra estará dirixida polo mestre Pablo González. O recital dará comezo ás 20:30h.

Neste concerto seguirase o fío argumental desta temporada, que leva por nome Migracións, e na cal interprétase música de compositores que sufriron movementos migratorios nas súas carnes.

No programa deste evento escoitarase música de Roberto Gerhard, compositor catalán exiliado en Cambridge que gozou dun gran recoñecemento internacional mentres en España era silenciado pola ditadura. Tamén se interpretará música de Arnold Schoenberg, compositor austríaco que foi mestre de Gerhard, e estivo exiliado en América.

Dende o exilio estará composto por Albada, interludi i dansa, de Roberto Gerhard, a Sinfonía de cámara, núm. 2, de Arnold Schoenberg e a Sinfonía núm. 9 ‘Do Novo Mundo’, de Antonín Dvorák.

Un director experimentado
Pablo González, quen levará a batuta neste concerto, é un dos directores máis versátiles e experimentados da súa xeración. Estudou na Guildhall School of Music & Drama de Londres e obtivo o Primeiro Premio no Concurso Internacional de Dirección de Cadaqués e no Donatella Flick.

Ademais, foi Director Titular da Orquesta Sinfónica RTVE e asesor artístico da Orquesta Sinfónica e Coro RTVE desde novembro de 2018 ata o final da tempada 2022-2023. Anteriormente, foi Director Titular da Orquesta Simfònica de Barcelona i Nacional de Catalunya (OBC) e Principal Director Convidado da Orquesta Ciudad de Granada.

Antes do concerto, o público asistente poderá interactuar con el no ciclo ‘Conversando con…’. Este coloquio dará comezo tres cuartos de hora antes, ás 19:45h.

Entradas á venda
Para o evento aínda quedan entradas á venda a un prezo de 15€ que se poden adquirir na Zona C, no despacho de billetes do Auditorio de Galicia ou a través da web compostelacultura.gal.