O concerto de Cineuropa é xa un clásico dentro da programación da Real Filharmonía de Galicia. Este ano comezamos con Il gattopardo de Nino Rota, considerada unha obra mestra da música para cine. Visconti quedou fascinado polos Ballabili do músico napolitano, que reproducen nos seus aires de danza a beleza decadente dun mundo en plena descomposición. A esta obra séguelle a Serenata húngara de Miklós Rózsa, quen compuxo un cento de bandas sonoras, tres delas gañadoras dun Oscar; porén, o músico húngaro nunca abandonou a música “pura” e na Serenata pode apreciarse a importancia do folclore da súa terra e a pegada de mestres como o tamén húngaro Zoltan Kodály. Estas dúas obras serven de antesala ao filme The Immigrant de Charles Chaplin, á que pon música o compositor e director estadounidense Timothy Brock, especializado na creación de música para cine mudo.
Timothy Brock, director
Nino Rota: Il Gattopardo: Ballabili
Miklós Rózsa: Serenata Húngara, op. 25*
The Immigrant. Director: Charles Chaplin, 1917. Música: Timothy Brock, 2012
*Estrea en España