A Real Filharmonía de Galicia ofrece este xoves, 26 de xaneiro ás 20:30h, no Auditorio de Galicia de Santiago, e o venres, 27 de xaneiro ás 20h, no Teatro Afundación de Vigo, un novo concerto do seu programa de abono ‘Escoitar o Mundo’ que leva por título ‘Paisaxe barroca’.
Nesta ocasión, o programa estará dirixido polo director inglés Jonathan Cohen, quen se estrea coa orquestra galega. Cohen dirixirá un programa barroco/clásico con obras de Vivaldi, Bach, Händel ou Haydn, entre outros.
Concretamente, no evento interpretarase o Concerto para cordas en Sol menor, RV, 156 de Antonio Vivaldi; A arte da fuga, BWV 1080: Contrapunctus I de Johann Sebastian Bach, de quen posteriormente se interpretará o movemento Contrapunctus VII da mesma obra; tamén se interpretará o Concerto grosso en La menor nº4, op. 6 de Johann Sebastian Bach; o Concerto grosso en Mi b maior, op. 7 nº6 “il Pianto D’Arianna” de Pietro Locatelli; o Concerto grosso en Re menor, H. 143 “La Folia” de Francesco Geminiani e rematará coa Sinfonía nº6 en Re maior “Le matin” de Franz Joseph Haydn.
Jonathan Cohen
Cunha notable carreira como director de orquestra, violoncellista e teclista, o director inglés Jonathan Cohen ten unha recoñecida paixón e compromiso coa música de cámara. Ademais, aposta por actividades diversas como a ópera barroca e o repertorio sinfónico clásico.
É Director Artístico de Arcangelo, Director Musical de Les Violons du Roy, Director Artístico do Festival Tetbury e Socio Artístico da Orquestra de Cámara Saint Paul. A partir da temporada 23-24 será tamén Director Artístico da Handel and Haydn Society.
Entradas á venda
Tanto para o concerto en Santiago de Compostela como para o de Vigo, quedan entradas á venda. Para o do xoves no Auditorio de Galicia poden mercarse as entradas a través de Compostela Cultura ou nos despachos de billetes habituais a un prezo de 15€, mentres que para o do venres no Teatro Afundación véndense a través de Ataquilla desde 6,30€.