A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá os vindeiros 29 e 30 de setembro dous novos concertos do proxecto de investigación Sensoxenoma que realiza conxuntamente cos grupos de investigación multidisciplinar GenPoB (Grupo de Xenética de Poboacións en Biomedicina) e GenVIP (Grupo de Investigación en Xenética, Vacinas e enfermidades infecciosas) do Instituto de Investigación Sanitaria e da Universidade de Santiago de Compostela e que busca investigar como inflúe a música na expresión dos nosos xenes.
As actuacións desenvolveranse no Auditorio de Galicia. A primeira será o venres 29 ás 18:30h destinada a agrupacións de pacientes con doenzas e a segunda delas será ao día seguinte co mesmo horario para o público xeral e para a que se poñerán entradas á venda a través de compostelacultura.gal a un prezo de 3€.
Sensoxenoma23 foi presentado este martes no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago polo Dr. Antonio Salas Ellacuriaga, catedrático da USC e o Dr. Federico Martinón Torres, xefe de servizo de pediatría no CHUS -ambos os dous investigadores principais do proxecto Sensoxenoma-; a Dra. Laura Navarro, musicóloga e coordinadora do proxecto Sensoxenoma e Sabela García Fonte, directora técnica da orquestra.
Resultados sorprendentes
No mesmo acto tamén foron presentados os primeiros resultados obtidos dos concertos experimentais que se realizaron en setembro de 2022. Estes resultados axudan a entender por primeira vez obxectivamente o efecto beneficioso da música nas persoas con deterioro cognitivo.
Neste último traballo científico, os investigadores analizaron mostras de usuarios da asociación de Alzhéimer de AGADEA e de persoas sas. Os resultados puideron ser contrastados cos xenes que están expresados de maneira alterada nos pacientes de deterioración cognitiva, e para iso se meta-analizou o transcritoma de máis de 1200 pacientes con deterioración cognitiva leve e Alzhéimer. Segundo indica Salas, “nin no mellor dos nosos soños imaxinabamos que obteriamos resultados tan sorprendentes, tanto polo reto técnico ao que nos enfrontabamos, como polo valor e a transcendencia dos resultados”.
Un dos resultados máis rechamantes do estudo é que os pacientes con demencia teñen unha maior sensibilidade á música, se por iso se entende a cantidade de xenes que modifican a súa expresión co estímulo musical e comparámolo con persoas sas. Salas subliña que “a música modifica a expresión de máis do dobre de xenes que nas persoas sen patoloxía diagnosticada, e moitos destes xenes están relacionados con procesos neurodexenerativos”. Estes xenes diferenciadamente expresados tenden á sobre-expresión (exprésanse máis do común), mentres que os xenes das persoas sen deterioración teñen a expresarse por baixo do normal. Salas indica que “o que é máis sorprendente, é que o estímulo musical fai que a inmensa maioría dos xenes se expresen en dirección contraria a como se expresan nos pacientes con deterioración cognitiva. É intuitivo pensar que este efecto da música ten un efecto compensatorio nos xenes alterados no Alzhéimer, coma se se tratase dun efecto terapéutico”.
Actualmente os investigadores están a analizar os resultados doutros grupos de enfermidade para os que se recolleron mostras de sangue e saliva, como os participantes con trastorno de espectro autista.
Ansias renovadas
A segunda edición deste estudo terá ansias renovadas e para o que a Real Filharmonía de Galicia amosou o seu apoio debido a que, en palabras da directora técnica, Sabela García Fonte, “apostar pola ciencia é apostar polo futuro”. O concerto deste ano volverá ter un repertorio segredo, pero con algunhas novidades: terá dúas partes contrastantes para analizar se a resposta é diferente e tomaranse mostras de persoas xordas, cegas e con trastorno de espectro autista.
Todo iso grazas á estreita colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), a ONCE, ASPANAES e ASPERGA. Desde a organización incídese en que este ano non se recollerán mostras do público xeral (con excepción dunha pequena mostra seleccionada como grupo control), pero necesitarase o apoio do público para crear o ambiente necesario dun gran concerto.
Ligazón ao estudo:
https://www.biorxiv.org/content/10.1101/2023.09.12.557408v1