Esta semana a Real Filharmonía de Galicia ofrece tres concertos didácticos, incluídos dentro da programación escolar que adoita ofrecer Compostela Cultura, a centros educativos de Santiago e Galicia.
Co fin de provocar a reflexión entre os máis mozos sobre as indagacións existencialistas comúns aos seres humanos e propor unha viaxe individual e colectiva de crecemento e descubrimento, a deseñadora e directora do proxecto, Olaia Novo, utilizou ferramentas de intelixencia artificial para recrear as imaxes de coñecidos compositores. Deste xeito, ademais de contar coa súa voz como fío narrativo condutor, e baixo a batuta do director asistente da RFG, Sebastian Zinca, o público terá a oportunidade de ver no escenario a Charles Ives, Dmitri Shostakovich, Gustav Mahler e mesmo a Ludwig van Beethoven.
A través das figuras destes autores e coa axuda de recoñecidos actores galegos, Tito Asorey, Ramón Bermejo, Sergio Piñeiro e Rubén Prieto, que prestaron ás súas voces ás animacións que se verán proxectadas na pantalla, os asistentes poderán coñecer as inquedanzas dos compositores e escoitalos en galego.
Os concertos serán o xoves 6 e o venres 7 de febreiro ás 11h, para os centros educativos que o solicitaron, e tamén haberá outro aberto ao público familiar o sábado ás 18.00h. Para este último, a venda de entradas está aberta a través da web de Compostela Cultura e despachos de billetes habituais a un prezo de 3€.
Preguntas sen resposta?
Coincidindo coa proposta da temporada 2024-2025 da Real Filharmonía de Galicia, “Inconformistas”, o programa deste concerto reúne a autores transgresores, que buscaron a innovación e a quebra de paradigmas para expresar as súas reflexións.
Deste xeito, o espectáculo comeza coa obra de Charles Ives, A pregunta sen resposta, para introducir a idea sobre a “eterna cuestión da existencia” na humanidade. Deseguido, o público escoitará á Sinfonía de cámara, op. 110a de Dmitri Shostakovich, un autor coñecido por saber transmitir emocións humanas complexas como a angustia, a esperanza ou mesmo a resiliencia. O espectáculo seguirá coa 5ª Sinfonía de Gustav Mahler, composta para emular un remanso de paz dentro dunha tormenta emocional.
Por último, a orquestra interpretará a 5ª Sinfonía de Beethoven, famosa polo seu primeiro movemento e polas súas catro notas iniciais, un motivo rítmico que se converteu nunha icona da música universal.
A través da interacción entre os personaxes e os espectadores, a intención do espectáculo é instigar a curiosidade e promover unha reflexión sobre como os diferentes compositores crearon unha linguaxe propia para expresar temas existenciais.