A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana cinco concertos didácticos dentro da programación escolar que ofrece Compostela Cultura a centros educativos de Santiago e toda Galicia.
O espectáculo ‘O Grande Beethoven’, cunha linguaxe simple e humor inocente, pretende cativar aos máis peques mentres conta a historia do compositor Ludwig van Beethoven, un dos principais inconformistas da historia da música. Será a directora Maria Camila Barbosa quen levará a batuta durante os concertos que, ademais da actuación da Real Filharmonía de Galicia, contará coa interpretación dos actores Sofía Nereida e António Miguel Teixeira. Este espectáculo faise en colaboración co Serviço Educativo da Casa da Música do Porto.
Os concertos serán o xoves 24 e venres 25 ás 10h e 12h para os centros educativos que o solicitaron e haberá outro aberto ao público familiar o sábado ás 18.00h. Para este último concerto a venda de entradas está aberta a través da web de Compostela Cultura e despachos de billetes habituais a un prezo de 3€.
Beethoven, ‘o inconformista orixinal’
Dentro da proposta da actual temporada da RFG, ‘O Grande Beethoven’ busca achegar a figura do compositor, coñecido por sentar as bases do repertorio orquestral moderno, ao público familiar a través da interacción entre os personaxes e os espectadores.
Tendo en conta o seu carácter e tamén algunhas características interesantes da súa traxectoria como compositor, adultos e peques serán presentados ao universo particular de Beethoven e tamén coñecerán como funciona o instrumento que hoxe coñecemos como orquestra sinfónica.