O enigma do tempo

REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
Jonathan Bloxham, director

Jay Capperauld: O cranio de Bruckner (estrea en España) 
Joseph Haydn: Sinfonía núm. 92 en Sol maior, Hob. I:92, «Oxford»
Franz Schubert: A morte e a doncela (orquestración para cordas de Gustav Mahler)

O compositor escocés Jay Capperauld inspírase na figura de Bruckner, cuxo corpo repousa na cripta situada baixo o grande órgano da abadía de San Florián, por expreso desexo seu. O cranio de Bruckner, estreada en 2025, parte da fascinación do músico austríaco pola morte e, en particular, das dúas supostas ocasións nas que sostivo os cranios de Beethoven e Schubert durante a exhumación dos seus restos en 1888. Outro fervente católico, Haydn, escribiu a Sinfonía núm. 92 en 1789, cuxo alcume «Oxford» quedou fixo, aínda que a sinfonía fora escrita en realidade para ser interpretada en París. Esta obra é considerada como o cumio do sinfonismo haydniano e constitúe un exemplo da perfección formal dun Clasicismo que xa comezaba a esmorecer. Pecha o programa a versión realizada por Mahler d’A morte e a doncela de Schubert. A partir do célebre cuarteto, Mahler amplía as dimensións sonoras da obra e intensifica o seu dramatismo, afondando na atmosfera sombría e conmovedora que converteu esta páxina nunha das reflexións máis profundas sobre a morte de toda a historia da música.

VEN 9 ABR
Teatro Principal, 20.00 h
OURENSE