Nove coros de Galicia participan coa Real Filharmonía e o Orfeón Terra a Nosa no concerto Cantamos!

261 coristas chegados de Lugo, Santiago, Pontevedra e Marín compartirán esta experiencia baixo a batuta do director Javier Fajardo

A Real Filharmonía de Galicia e o Orfeón Terra a Nosa levarán a cabo este xoves, 21 de decembro (20:30h), no Auditorio de Galicia, un concerto colaborativo especial con coros de Galicia que leva por nome Cantamos! e pertence á temporada de abono do Auditorio: Migracións.

Este recital será dirixido por Javier Fajardo, e nel participarán, a maiores dos músicos da orquestra, un total de 261 coristas. Será o último concerto deste 2023 para a Filharmonía.

Ademais do Orfeón Terra a Nosa, que dirixirá Luis Martínez, actuarán tamén nove coros chegados de toda Galicia. Catro deles son de Lugo (Solo Voces, Coro do Hospital de Lugo, Coro Fingoi e Orfeón Lucense), tres son de Santiago de Compostela (Harmonía Stellae, Coro Asubío e Coro de adultos da Escola Municipal de Música), un de Marín (Coro de Cámara Thalassa) e outro de Pontevedra (Coral Polifónica de Salcedo).

No concerto interpretarase a Abertura de Fidelio, de Ludwig van Beethoven, a Misa na honra do Apóstolo Santiago, do lucense Juan Montes, e a panxoliña Merry Christmas Beethoven, do compositor vigués Juan Durán.

O director Javier Fajardo dialogará cos asistentes que o desexen 45 minutos antes do comezo, ás 19:45h, nunha nova edición de ‘Conversando con’, o ciclo de coloquios do Auditorio de Galicia cos protagonistas das actuacións.

Para o concerto restan só unhas poucas entradas á venda, que poden adquirirse a través da web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C a un prezo de 15€.