REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
César Ramos, director
Heitor Villa-Lobos: Bachiana brasileira núm. 9
Maurice Ravel: Le tombeau de Couperin
Darius Milhaud: Le boeuf sur le toit
Henri Duparc: Aux Étoiles (Poème nocturne)
Georges Bizet: Sinfonía en Do
As conexións musicais entre Brasil e Francia trazan o fío deste programa dirixido polo mestre cubano César Ramos, novo director asistente da Real Filharmonía de Galicia. O concerto ábrese coa Bachiana brasileira núm. 9 de Heitor Villa-Lobos, na que o compositor carioca funde o espírito popular co contrapunto de Bach nunha das sínteses máis orixinais do século XX. Maurice Ravel volveu tamén a mirada cara ao pasado en Le Tombeau de Couperin, homenaxe á elegancia do barroco francés escrita baixo a pegada da Gran Guerra. Neses mesmos anos, Darius Milhaud descubría en Río de Janeiro unha fonte de inspiración na música popular: Le boeuf sur le toit reúne distintas formas musicais brasileiras nun exuberante rondó cheo de vitalidade. O programa continúa con Aux Étoiles, de Duparc, delicado poema sinfónico salvado da destrución á que o compositor condenou boa parte da súa obra. Pecha o concerto a Sinfonía en Do de Georges Bizet. Escrita cando o compositor contaba apenas dezasete anos, revela unha madurez sorprendente, especialmente no Andante, marcado polo lirismo do óboe.
Coa participación do estudantado da EAEM
XOV 8 OUT (15€)
Auditorio de Galicia, 20.00 h
CONVERSANDO CON… César Ramos
Sala Mozart, 19.15 h