A Real Filharmonía de Galicia ofrece este xoves 5, no Auditorio de Galicia de Santiago, e o venres 6, no Círculo das Artes de Lugo, un dobre concerto que levará por título ‘Desafiantes’. O primeiro deles será ás 20:30h e, na ocasión, o público tamén terá a oportunidade de escoitar as impresións e intercambiar ideas coas protagonistas deste programa. Será na Sala Mozart, ás 19:45h nunha nova cita do ciclo “Conversando con..”. Por outra banda, na capital lucense, o espectáculo comezará ás 20:00h.
Dentro da proposta desta temporada da Real Filharmonía de Galicia, Inconformistas, escoitaranse obras de autores que romperon os moldes e ousaron con creacións consideradas pouco convencionais para os patróns da súa época. Neste eido, cómpre destacar a figura de Ludwig van Beethoven, quen asumiu riscos construtivos e estéticos, renovando tanto a linguaxe musical como o sentido ético da existencia. Da súa autoría é a obra As criaturas de Prometeo, cuxa abertura estará presente na primeira parte deste programa.
Deseguido, o público terá a oportunidade de gozar do Concerto para piano en La maior núm. 12 de Wolfgang Amadeus Mozart e tamén o Concerto para piano en La maior de Marianne von Martinez. Na segunda parte do espectáculo será a vez de Franz Schubert e a súa Sinfonía núm. 2 en Si bemol maior.
Unha carismática directora
A directora italo-turca Nil Venditti destaca por establecer relacións con importantes orquestras e conxuntos de todo o mundo. Na temporada 2024/25 debutará coa Orquestra Sinfónica da Radio Finlandesa, a Orquestra Filarmónica da BBC, a Filarmónica do Ártico e a Filarmónica Borusan de Istambul, así como con orquestras de Aalborg, Tenerife, Baleares, Wuppertal e Bochum.
Cunha gran afinidade por Haydn, Mozart, Mendelssohn e Beethoven, ten un marcado interese pola programación contemporánea á vez que destaca no xénero operístico xa que dirixiu recentemente óperas como Cosi fan tutte, L’elisir d’amore, The Lighthouse, Carmen e Tosca.
Unha pianista virtuosa
Noelia Rodiles, considerada unha referencia do “pianismo máis avanzado, resolvido e afirmativo” (El Cultural), será a solista deste espectáculo. Nos seus concertos destacan as eleccións creativas de repertorio que inclúen a miúdo obras de autores actuais aos que fai dialogar cos grandes compositores clásicos, así como obras recuperadas de autores esquecidos.
Os seus álbums recibiron distincións como o Melómano de Ouro, Disco Excepcional da revista Scherzo e un nomeamento aos Grammy Latinos.
Entradas á venda
O público poderá gozar deste programa en dúas ocasións: a primeira delas no Auditorio de Galicia, o día 5 de decembro, ás 20:30 h. As entradas poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 18€.
Por outra banda, as entradas para o concerto de Lugo, o día 6 de decembro no Círculo das Artes (20:00 h), están dispoñibles nas oficinas do Círculo das Artes ou mesmo a través do correo electrónico filarmonicadelugo@gmail.com desde os 20€ para persoas non socias.