REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
Baldur Brönnimann, director
Katrin Wundsam, mezzosoprano
Luciano Berio: Folk Songs
Gustav Mahler: Sinfonía núm. 4 en Sol maior
A tempada ábrese cun convite ao diálogo entre a música do século XX e o folclore de distintas latitudes a través de Folk Songs, unha das pezas máis fascinantes do compositor italiano Luciano Berio. Comprometido politicamente, mestre de compositores e profesor en Harvard, Berio escribiu en 1964 esta partitura para a extraordinaria versatilidade da cantante Cathy Berberian. Desde entón, a obra converteuse nun desafío para grandes intérpretes como a mezzosoprano Katrin Wundsam, quen reaparece na segunda parte do concerto coa Sinfonía núm. 4 de Gustav Mahler, unha das súas creacións máis luminosas e celebradas. Lonxe das dimensións colosais doutras sinfonías, Mahler procura aquí unha maior transparencia orquestral, próxima á tradición clásica dos catro movementos. Rematada en 1900, en pleno vórtice da súa actividade como director da Ópera de Viena, a obra transita desde a inquietante danza da morte do segundo movemento ata un Finale, Apracible, que evoca unha visión idealizada do paraíso, na que a soprano canta finalmente o lied que deu orixe a toda a obra.
VEN 2 OUT
Auditorio de Ferrol, 20.00 h