Os músicos e músicas María Camila Barbosa, Bernat Gerard Quetglas, Constança Simas e Sebastian Zinca serán as catro persoas finalistas no proceso de selección de director/a asistente que está levando a cabo a Real Filharmonía de Galicia durante esta semana. Eles son os escollidos entre as oito persoas precandidatas que dirixiron os ensaios da orquestra este luns.
O xurado xustificou a escolla de catro finalistas debido ao bo nivel amosado xa que nun principio estaba contemplado que fosen tres as persoas que competisen no resto do proceso.
As obras coas que están a traballar as persoas candidatas son Dumbarton Oaks, de Igor Stravinski; Schattenhaft, de Hugo Gómez-Chao, e a Sinfonía núm. 2 en Re Maior, op.36, de Ludwig van Beethoven.
Os ensaios continuarán na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia este martes 5 e o mércores 6 entre as 10h e as 14h. O xoves 7 ás 10h realizarase un ensaio xeral e, ese mesmo día, ás 20:30h, levarase a cabo o concerto final, ao remate do cal, será anunciado o resultado da selección.
Todos os ensaios e o concerto serán abertos a quen desexe acudir sen necesidade de reserva previa, accedendo á sala ata dez minutos antes do inicio de cada sesión. Ademais, quen asista á actuación final poderá dar a súa opinión participando a través dun código QR que se facilitará ao inicio da mesma.
Antes do concerto final, ás 19:45h, o público terá a oportunidade de escoitar ás catro persoas finalistas nunha nova sesión de “Conversando con…”, o ciclo de conversas que leva a cabo o Auditorio de Galicia para coñecer de preto os e as protagonistas das actuacións.