Marc-Leroy Calatayud dirixe a Real Filharmonía de Galicia con Natalia Labourdette de soprano

A Filharmonía estreará en Santiago e Vigo a orquestración de Carme Rodríguez para tres cancións de Augusta Holmès

A Real Filharmonía de Galicia ofrece os vindeiros días 9 e 10 un dobre concerto en Santiago e Vigo da súa temporada ‘Escoitar o Mundo’. Nesta ocasión o título do espectáculo será ‘A Noite e o Amor’ e contará con Marc-Leroy Calatayud á batuta e Natalia Labourdette como soprano.

Neste programa ofrecerase a estrea absoluta, por encarga da Real Filharmonía de Galicia, da orquestración por parte da compositora galega Carme Rodríguez de tres cancións da compositora Augusta Holmès: Le désir, A Trianon e En chemin. Ademais, a orquestra interpretará as Sete primeiras cancións de Alban Berg e a Sinfonía núm. 3 en Fa maior, op. 90 de Johannes Brahms.

A primeira das actuacións será o xoves, 9 de marzo ás 20:30h no Auditorio de Galicia de Santiago mentres que na cidade olívica será o venres 10 no Teatro Afundación ás 20:00h.

Convidados de honra
Os dous protagonistas nesta ocasión serán, por unha banda, Marc-Leroy Calatayud, quen regresa coa Real Filharmonía de Galicia para dirixila e por outra, Natalia Labourdette, soprano gañadora do IV Concurso de Canto “Compostela Lírica” da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago 2021.

O mestre Calatayud foi recentemente nomeado director asociado da Orquestra de Cámara de Xenebra, despois de ser Artista en Residencia da Orquestra Nacional de Cannes para a temporada 2021-22 e Director Asistente na Ópera Nacional de Bordeos de 2016 a 2019.

No canto será protagonista a soprano madrileña Natalia Labourdette, quen estudou na Universidade das Artes de Berlín e destacou gañando numerosos premio nacionais e internacionais como o Primeiro Premio e Premio do Pu?blico no XIV Certame Novas Voces de Sevilla (2017), o segundo premio no Concurso Internacional de Canto Ciudad de Logron?o (2016) e o Premio CIA Opera Sao Paulo no Concurso Internacional Riccardo Zandonai (2016).

Entradas á venda
Para o evento do Auditorio de Galicia aínda restan entradas á venda a través das canles habituais: a web de Compostela Cultura, a Zona C ou os despachos de billetes a un prezo de 18€. Para o venres no Teatro Afundación de Vigo os pases poden mercarse a través da plataforma Ataquilla a un prezo que vai desde os 6,30 euros.