A cantante Luz Casal, acompañada da Real Filharmonía de Galicia actuará o vindeiro luns 20 de xuño no Teatro Real de Madrid no marco do Universal Music Festival. Este concerto, que será dirixido polo director e arreglista César Guerrero, fará un percorrido por algún dos temas máis coñecidos da artista de Boimorto.
Este concerto, que contará coa súa banda habitual e máis de 60 músicos en escena, realizarase coa colaboración do Xacobeo 21-22 e producirase tras a publicación do álbum ‘Solo una noche’ gravado en directo na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela o pasado 21 de xullo do 2021. O disco converteuse para a cantante-compositora no primeiro en directo despois de 15 orixinais.
Entre as obras coas que deleitará o público atópanse algúns dos éxitos máis recoñecidos da intérprete galega como No me importa nada, Un nuevo día brillará ou Te dejé marchar.
Unha traxectoria única
O primeiro álbum de Luz Casal publicouse no ano 1982, con sons ata entón inéditos no eido musical español. Axiña conseguiu conquistar unha marcada individualidade nun xénero que aínda aceptaba con reticencia ás mulleres.
En 1989 editouse Luz V, con temas como Loca, Te dejé marchar e No me importa nada, cunha repercusión de tal calibre que ninguén dubidaba xa de que era a solista española por excelencia. Foi entón cando aceptou a proposición de Pedro Almodóvar, que lle ofreceu interpretar dúas cancións na súa nova película, Tacones lejanos: Piensa en mí e Un año de amor.
En 2000 publicou Un mar de confianza, cunha Luz máis serea e fonda, repleta de matices e foi a partir de 2002 cando se dedicou a reforzar a súa carreira internacional, ao tempo que continúa a súa relación co cine, gañando xunto a Pablo Guerrero o Goya á mellor canción polo tema que compuxeron para o filme El bosque animado; e Alejandro Amenábar inclúe a súa versión de Negra sombra de Rosalía de Castro na oscarizada Mar adentro.
Os últimos anos supuxeron para a artista unha vertixinosa sucesión de recoñecementos: o Premio Rolling Stone por unha vida dedicada ao rock, o Grammy Latino honorífico, a Medalla Castelao, a Medalla das Artes de Francia ou o Premio Nacional de Músicas Actuales.
Baixo a batuta de César Guerrero
O director e arreglista César Guerrero é un experimentado músico cunha traxectoria profesional plagada de variadas experiencias, primeiro na música clásica e posteriormente en agrupacións do ámbito do Jazz, Soul, Rithm&Blues, Pop, Rock, Flamenco ou Copla, gravando e realizando xiras con artistas de renome como Raphael, Joaquín Sabina, Miguel Ríos, Camilo Sexto, Diana Navarro ou Pastora Soler entre moitos outros.
Desde fai anos realiza labores de produción musical, composición, arreglos e adaptación en ámbitos musicais moi diferenciados que van desde a música clásica ata o rock, pasando por todo tipo de estilos e linguaxes. Esta experiencia como instrumentista e director, alimentada por calidades lingüísticas tan variadas, marcaron a súa traxectoria profesional e a súa maneira de traballar os materiais musicais, sendo hoxe unha das figuras máis solicitadas da produción de música popular en ámbito sinfónico.
Entradas á venda
As poucas entradas que restan para completar a capacidade do Teatro Real de Madrid atópanse á venda a través da web oficial do festival universalmusicfestival.es.