A Real Filharmonía de Galicia realiza o seu Obradoiro de Dirección Orquestral

Entre os días 9 e 12 de decembro, os directores e directoras noveis ensaiarán, xunto á orquestra, e recibirán a titoría do director Jordi Francés, que substitúe ao mestre Baldur Brönnimann

Os ensaios serán abertos ao público e o concerto final terá lugar o xoves 12 de decembro no Auditorio de Galicia (20.30 h)

A Real Filharmonía de Galicia, dentro do seu compromiso coas novas xeracións de músicos, compositoras/es e directoras/es, realiza durante esta semana un Obradoiro de Dirección Orquestral como parte do seu proxecto estratéxico. Deste xeito, ábrense as portas da institución para acoller aos mestres e mestras que se atopen aínda no principio da súa traxectoria profesional e que busquen ampliar a súa formación.

O director Jordi Francés realizará o acompañamento dos participantes posto que o mestre Baldur Brönnimann estará ausente nas vindeiras semanas por motivos de saúde. Francés formou parte da comisión de selección das persoas candidatas ao obradoiro e colaborou activamente na escolla dos seis perfís elixidos, entre as 130 persoas inscritas.

Durante os ensaios, o público que queira poderá achegarse ao Auditorio de Galicia para acompañar o desenvolvemento da actividade. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala e os horarios dispoñibles son o martes 10, de 10:00 a 13:00h e de 15:30 a 18:00h, o mércores 11, de 10:00 a 14:00h e tamén o xoves 12, ensaio xeral a partir das 10:00h.

Horas máis tarde, no mesmo día 12 de decembro, ás 20:30h, haberá un concerto final. O espectáculo, que forma parte da temporada de abono 2024-25 da Real Filharmonía de Galicia, Inconformistas, contará con obras de Raquel García-Tomás, Ceci n’est pas une valse e Johannes Brahms, Sinfonía no 2 en Re M, op. 73.

As entradas poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo)  a un prezo de 15€.

Á fronte da orquestra estarán os seis directores e directoras noveis: Felipe Biesek (Brasil); Matteo Dal Maso (Italia); Kinga G?owacka (Polonia); Josephine Korda (Reino Unido); Celia Llácer (España) e Benjamin Alfred Voce (Reino Unido).