A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana o seu segundo concerto da temporada Migracións. Será dirixido pola principal directora convidada da orquestra, Joana Carneiro, e nel actuará como intérprete solista o frautista santiagués André Cebrián.
Esta actuación, que leva por nome Mar en calma ofrecerase no Teatro Afundación de Vigo o mércores 18 de outubro ás 20.00h, no Auditorio de Galicia de Santiago o xoves 19 ás 20.30h e no Círculo das Artes de Lugo o venres 20 ás 20:00h.
Nesta ocasión ofreceranse dúas obras de Felix Mendelssohn como son Ás Hébridas, que dará comezo á noite e a Sinfonía núm. 3 en La menor, “Escocesa”, que porá o peche. Tamén se interpretará a Viaxe para frauta e corda de John Corigliano, que será estreada en España, e o Concerto núm. 1 para frauta e corda, de Moisey Samuilovich Weinberg.
Ademais, no caso do concerto de Santiago, os asistentes interesados poderán dialogar coa directora e o solista no ‘Conversando con…’ que dá comezo 45 minutos antes do recital no Auditorio de Galicia.
O recital suporá o regreso coa Real Filharmonía da principal Directora Convidada da orquestra, Joana Carneiro, quen tamén é directora artística da orquestra Estágio Gulbenkian. Ademais, os asistentes poderán deleitarse coa actuación de André Cebrián, frauta solista da Orquestra de Cámara de Escocia, quen foi alumno da Escola de Altos Estudos Musicais, asociada á Filharmonía, e iniciou os seus estudos con Laurent Blaiteau e Luis Soto, frautistas titulares da orquestra.
Entradas á venda
Para asistir a calquera dos tres recitais hai entradas á venda. Para o concerto de Vigo do mércores a comercialización faise a través da plataforma Ataquilla a prezos que van desde os 11,70€. No caso do de Santiago a venda faise nos despachos de billetes ou na web compostelacultura.gal a un prezo único de 18€. Por último, para a actuación do venres en Lugo as entradas véndense nas oficinas do Círculo das Artes a un prezo de 20€ para non socios, permitíndose a reserva previa a través do email filarmonicadelugo@gmail.com, e con importantes descontos para estudantes e entrada de balde para menores de idade e estudantes do Conservatorio.